Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Trátase dunha padiola niño, un taboleiro espiñal e un inmobilizador de cabeza, xunto cos seus complementos

- O Concello agradece a doazón, que permitirá reforzar a primeira intervención en situacións de emerxencia

PCMaterial2

Valga, 22 de agosto de 2023.

Protección Civil conta con novo material para empregar en emerxencias e rescates, coma un taboleiro espiñal un inmobilizador de cabeza ou unha padiola niño, que foron doados por un valgués que reside fóra do municipio, Antonio P.

Integrantes da agrupación e o concelleiro de Seguridade e Protección Civil, Álvaro Fernández, recibiron o instrumental, que facilitará actuacións en situacións que precisen da inmobilización de feridos.

O taboleiro espiñal permite a inmobilización da columna vertebral reducindo o risco de lesións medulares e o inmobilizador de cabeza, tamén denominado ‘Dama de Elche’, está deseñado para evitar o cambaleo da cabeza cara os laterais no momento do traslado. Emprégase conxuntamente co taboleiro e cun colar cervical.

En canto á padiola niño, pode empregarse tanto en rescates verticais coma horizontais en caso de que sexa preciso protexer ao ferido de impactos laterais e que non sexa posible intervir cos equipos normais de transporte. Permite, por exemplo, a elevación e transporte en helicóptero ou a elevación vertical en lugares de difícil acceso e inclúe un flotador para rescates en auga.

O Concello agradece publicamente esta doazón, que permitirá reforzar a primeira intervención en situacións de emerxencia e afrontar con maiores garantías os rescates das persoas implicadas nas mesmas.PCMaterial1

 

Volver