- O xurado visitou as obras de acondicionamento executadas polos veciños con materiais aportados polo Concello
- As tres actuacións máis valoradas recibirán premios de 300, 200 e 100 euros
Valga, 22 de agosto de 2023.
O concurso Embelecer Valga ten xa gañadores, aínda que estes non se farán públicos ata o vindeiro sábado, no acto de entrega de premios da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O xurado xa emitiu a súa votación despois de percorrer os parques, espazos e infraestruturas públicas participantes, locen estes días a súa mellor imaxe.
Este certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado polos veciños e é convocado anualmente polo Concello co obxectivo de implicar á cidadanía no coidado dos lugares públicos, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación. O Concello aporta os materiais necesarios para a realización das obras.
Un total de dezanove lugares das distintas parroquias participaron nesta edición do concurso e o pasado sábado foi o día no que recibiron a visita do tribunal, formado por un representante de cada comisión veciñal participante e os concelleiros de Cultura, Turismo e Facenda. Valoraron aspectos coma o deseño de xardíns e zonas recreativas, a orixinalidade e creatividade da decoración, o aproveitamento de recursos da zona e uso de materiais de refugallo.
As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:
- Balleas: Acondicionamento do parque
- Barcia: Mantemento do parque
- Barro: Melloras no local social e mantemento do parque
- Beiro: Mantemento do parque e do lavadoiro
- Campaña (Igrexa): mantemento da contorna da igrexa
- Canle: Acondicionamento do parque
- Carballiño: Adecentamento do parque do Quinteiro
- CEIP Baño-Xanza: Remodelación da biblioteca e melloras no patio
- CODI: Actuacións de mellora nos espazos exteriores do centro
- CRA de Valga: Arranxo de espazos exteriores das escolas
- Eiras: Melloras no lavadoiro
- Escola Infantil Municipal: Melloras no patio exterior
- Ferreirós: Acondicionamento de talude na estrada PO-190
- Ferreirós: Melloras no parque
- A Medela: Acondicionamento de fonte e lavadoiro e da súa contorna
- Raxoi: Melloras no lavadoiro e nos arredores deste elemento patrimonial
- Reguengo: Melloras no lavadoiro do lugar
- Vilar: Traballos de mantemento e acondicionamento no parque, no Campo Labeiro e no Miradoiro da Perdiz
- Vilarello: Mantemento da casa veciñal e da súa contorna, do parque e dos lavadoiros da aldea
O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros e o segundo e terceiro clasificados recibirán 200 e 100 euros, respectivamente. As demais comisións participantes recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.
Ademais, entregarase un premio especial de 150 euros para o lugar con mellor mantemento durante todo o ano.