Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A final do certame, na que tiveron que superar probas culinarias e culturais, disputouse o venres

- “O ollo da anguía”, un pastel con este peixe coma produto principal, foi a receita gañadora

AnguíaChef23 1

Valga, 20 de agosto de 2023.
O concurso “Anguía Chef”, organizado no marco do “Agosto Gastronómico” para buscar aos mellores cociñeiros valgueses de anguía, xa ten gañadoras: un grupo de veciñas da Avenida da Coruña que protagonizaron unha divertida batalla de sexos aos fogóns e que conquistaron ao xurado co prato “O ollo da anguía”. Mónica, María, Sandra e Laura fronte a Sergio, José, Arturo e Iván, e catro probas culinarias pero tamén culturais para proclamar aos vencedores.

Os aspirantes a mellores cociñeiros tiveron que demostrar a súa destreza e rapidez desespiñando anguía, un dos procesos máis laboriosos no cociñado deste peixe. O xurado tamén puxo a proba o sentido do gusto dos participantes, cunha cata a cegas na que tiveron que recoñecer ingredientes coma noces de macadamia, algas ou vinagre de módena, entre outros. E avaliáronse os seus coñecementos sobre a historia e cultura de Valga, con preguntas coma en que ano morreu a Bella Otero, cando comezou a celebrarse a Festa da Anguía ou que bispo se di que está enterrado na contorna da capela dos Martores.

Cada unha destas probas outorgou unha serie de vantaxes aos equipos para a gran final, na que os dous equipos tiveron que cociñar unha mesma receita: un pastel de anguía con ingredientes coma pataca cocida, aguacate, maionesa ou cebola, ademais do peixe coma produto principal. O xurado, que valorou cuestións coma a limpeza, o empratado e o sabor, deu a ambos equipos a receita básica para elaborar os pratos, pero deixando nas mans dos participantes os aliños e o tratamento da anguía, para que demostrasen a súa creatividade e arte culinaria. Ademais, a medida que pasaba o tempo, introducíronse diferentes retos que convertiron o cociñado nunha competición do máis divertida que ata contou con público e animación para ambos bandos. Roubar algún ingrediente ou utensilio aos contrincantes, sabotear ao rival ou cambiar de equipo durante uns minutos foron algunhas destas probas.

E a pesar de partir da mesma receita, os resultados foron bastante diferentes. Os homes presentaron o prato “Anguía en dúas texturas”: unha cama de puré de patacas e maionesa de soia, sobre ela aguacate e tomate e anguía rebozada e cocida con vinagreta. O equipo feminino bautizou a súa elaboración coma “O ollo da anguía”, pola súa similitude con esta parte do rostro. Era un pastel de anguía no que se superpoñían capas de puré de patacas con lima, maionesa de trufa, cebola, tomate e anguía cocida en salpicón. A receita completouse con anguía crocante.

AnguíaChef23 2 AnguíaChef23 3

AnguíaChef23 4 AnguíaChef23 5

Volver