- Está formada por cinco traballadores: tres peóns, un condutor de camión e un capataz
- Realizarán tamén tarefas de prevención dos incendios mediante traballos de desbroce e limpeza en zonas de monte
Valga, 18 de agosto de 2023.
A brigada municipal de loita contra os incendios forestais do Concello de Valga permanecerá activa ata mediados do mes de novembro, integrada por cinco membros dos cales un é capataz, tres son peóns e o quinto, condutor.
Esta cuadrilla ten como misión principal actuar na extinción dos incendios que poidan declararse no concello, pero tamén levará a cabo tarefas de prevención dos lumes mediante traballos de desbroce e limpeza en zonas de monte que poidan considerarse sensibles. Ademais de en Valga, actuará tamén no resto das localidades que forman parte do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, cando sexa requerida.
Foi o pasado venres día 11 cando a brigada comezou a prestar servizo e nestas primeiras xornadas levou a cabo traballos de limpeza de áreas forestais na parroquia de Cordeiro, en zonas coma Vilar ou Beiro.
O Concello e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio de colaboración para a creación deste retén, que prestará servizo durante un período de tres meses.