Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O 26 de agosto celebraranse os actos centrais, con entrega de premios, degustacións, queimada teatralizada e as actuacións de Doctor Queen, Grupo Bomba e unha discoteca móvil para pechar a noite

-  A ruta “Tapa a Anguía”, o concurso da Caña do País e as actividades do “Agosto Gastronómico” encherán de sabor a anguía e recendo a augardente as vindeiras semanas

AnguíaCartelWeb

Valga, 12 de agosto de 2023.
Valga está ás portas dunha nova edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia e que, ademais de citas gastronómicas nas que se enxalzan estes dous produtos, engloba outras actividades culturais e lúdicas co obxectivo de acadar a participación tanto de veciños coma de visitantes doutras localidades.

O día grande da festa será o sábado, 26 de agosto, co Parque Irmáns Dios Mosquera como centro neurálxico das actividades festivas. Os asistentes poderán degustar 1.000 tapas de anguía en cinco receitas diferentes: catro elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía e a quinta cociñada polo bar Casa Comparada, que foi o gañador do premio do xurado da última edición da ruta “Tapa a Anguía” coas súas “Popietas de anguía”.

Outra posibilidade para degustar este peixe durante as vindeiras semanas é a Ruta-Concurso “Tapa a anguía”, que cumpre o seu décimo aniversario e na que participan os bares Caprichos, Potel, Maneiro, Palmera Beach, Pardal, O Pontellón, Casa Comparada, Couceiro e Cafetería Auditorio. Os petiscos serviranse de forma gratuíta coas consumicións os sábados de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas e os domingos de 12:00 a 15:00.

En canto á augardente, as persoas que se acheguen esa noite ao Parque Irmás Dios Mosquera poderán adquirir ata catro variedades de cocteis elaborados con caña branca, de herbas e tostada. Ademais, no Centro de Interpretación da Caña terá lugar a demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.

Outro dos actos relevantes da xornada central será a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do “Agosto Gastronómico”, o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso para elixir o cartel anunciador da festa, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”. O pregón da festa correrá a cargo do estudante Samuel Rial, mellor expediente de Bacharelato de Valga e un dos mellores de Galicia, recoñecido pola Universidade de Santiago.

No apartado de actuacións, está previsto un concerto da Banda Municipal de Valga, ademais do Grupo Bomba e Doctor Queen, considerada unha das mellores bandas tributo ao famoso grupo de rock británico, liderada por Jorge Busetto -no papel de Freddie Mercury- e oriunda de La Plata (Arxentina).

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Venres, 18 de agosto:
- 20:00 horas: Concurso Anguía Chef, no Parque Irmáns Dios Mosquera

Sábado, 19 de agosto:
- Pola mañá: Visita do xurado aos lugares participantes no concurso Embelecer Valga.
- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas: X Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Palmera Beach Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio e Comparada.

Luns, 21 de agosto:
- Inauguración da exposición das obras participantes no Concurso para elixir o cartel anunciador da festa.

Domingo, 20 de agosto:
- De 12:00 a 15:00 horas: X Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Palmera Beach Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio e Comparada.
- 13:00 horas: Showcooking “Moito máis que caña” con degustación de cócteles elaborados con augardente. No Centro de Interpretación da Caña do País

Martes, 22 de agosto:
- 21:00 horas: Showcooking “A caña no prato”, con degustación de tapas elaboradas con augardente. No Centro de Interpretación da Caña do País.

Xoves, 24 de agosto:
- 20:00 horas: Precata do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña
- A continuación: sorteo dos vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía”

Venres, 25 de agosto:
- 20:00 horas: Presentación da botella conmemorativa da XXXII Mostra da Caña do País.
- 20:15 horas: Cata final do Concurso Tradicional da Caña do País, no Centro de Interpretación da Caña

Sábado, 26 de agosto:
- De 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas. X Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Palmera Beach Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio e Comparada.
- 16:00 horas: Festa infanfil no Parque Irmáns Dios Mosquera
- 17:00 horas: Demostración de destilado de caña do país no Centro de Interpretación da Caña
- 19:00 horas: Recepción de Autoridades na Casa do Concello
- 20:00 horas: Pregón a cargo de Samuel Rial Maneiro (Mellor expediente de Bacharelato de Valga e un dos mellores de Galicia, recoñecido pola USC)
- 20:15 horas: Entrega de premios aos gañadores dos concursos de fotografías e receitas “Valga. Anguía, caña e camiño”, Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, Concurso do cartel anunciador, Tapas gañadoras da Ruta-Concurso Tapa a Anguía e vales de compra da Ruta “Tapa a Anguía.
- 20:45 horas: Actuación da Banda Municipal de Valga.
- 21:30 horas: Degustación de tapas de anguía e cocteis feitos con caña do país.
- 22:30 horas: Actuación do Grupo Bomba.
- 00:00 horas: Queimada popular con conxuro teatralizado a cargo de Troula Animación.
- 00:30 horas: Espectáculo de fogos e luces.
- Actuación de Doctor Queen e Grupo Bomba
- Peche de festa a cargo de Discoteca Móbil Infinity

Domingo, 27 de agosto:
- De 12:00 a 15:00 horas: X Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” nos bares Pardal, Palmera Beach Valga, Caprichos, Maneiro, Potel, O Pontellón, Couceiro, Auditorio e Comparada.

Martes, 29 de agosto:
- Showcooking “Dez anos da ruta Tapa a Anguía”, na que repasarán algunhas dos mellores petiscos que se proclamaron gañadores.

Volver