Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os exemplares, procedentes da piscifactoría de Carballedo, teñen un tamaño duns cinco centrímetros

- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez participaron nesta acción para repoboar este espazo, unha zona libre para a práctica de pesca sen morte

SoltaTroitasMM1

Valga, 11 de agosto de 2023.

O Concello e a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, a través da Xefatura territorial de Medio Ambiente, soltaron esta mañá na Mina Mercedes 18.775 exemplares de troita, unha acción coa que se contribúe á repoboación da lagoa que, dende febreiro deste ano, está considerada unha zona libre para a práctica da pesca sen morte.

Os alevíns de troita común (salmo trutta), procedentes da piscifactoría de Carballedo, situada en Cerdedo-Cotobade, teñen unha talla duns cinco centímetros. A solta realizouse en varios puntos da lagoa baixo a supervisión dun axente medio ambiental da Xunta e coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e da tenente de alcalde, Carmen Gómez.

A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.

Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat existe unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.

SoltaTroitasMM2 SoltaTroitasMM3

 

Volver