Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- En Vilarello funciona dende hai anos unha área de servizo que é moi frecuentada por este tipo de vehículos

- AGA é o colectivo máis numeroso do sector en España, con máis de 900 socios

ReuniónAGA1

Valga, 9 de agosto de 2023.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, recibiron no Concello a representantes da nova directiva da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), cos que trataron diferentes asuntos tendentes a potenciar este tipo de turismo no municipio.

Á xuntanza asistiron Cesáreo González, tesoureiro de AGA; o vocal Jorge García; e os socios colaboradores Paco Castaño e Encarna Tubío, ambos veciños de Valga. Este é o colectivo de autocaravanistas máis numeroso de España, posto que aglutina a máis de 900 socios.

O autocaravanismo está en auxe e o Concello non quere pasalo por alto, ofrecendo alternativas a estes viaxeiros, que xa contan, dende hai anos, cunha área de servizo en Vilarello. Atópase na zona de estacionamento desta área fluvial e nela os vehículos poden baleirar as augas negras e grises e subministrarse de auga potable. A zona tamén conta cun lavadoiro para a louza.

Os representantes de AGA sinalaron, na súa xuntanza cos representantes municipais, o ben valorada que está esta área de servizo entre os usuarios. Na aplicación “Park4night”, unha das máis empregadas polos autocaravanistas, conta cunha puntuación de 4’24 sobre un máximo de 5 e, nos comentarios destacan que se atopa “nun sitio espectacular, encantador e tranquilo xunto ao río” ou que se trata “dun gran recuncho para durmir, con diferentes alternativas de recreo”.

ReuniónAGA2

Volver