Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Nestes momentos estase a apañar a colleita de tomates e xa se realizou a de leitugas

- Os ensaios, que contan coa colaboración do IES de Valga, repetiranse no ano 2024 e, cos resultados, redactarase un informe 

ColleitaEstudoCompost1

Valga, 7 de agosto de 2023.

O estudo promovido polo Concello e a Misión Biolóxica de Galicia –centro adscrito á área de Ciencias Agrarias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)– para analizar a potencialidade agrícola do compost natural producido en Valga xa dá froitos.

Nestas semanas estase a apañar a colleita de tomates, un dos catro cultivos que se plantaron. A recollida realízase con periodicidade semanal e tómanse datos coma o número de pezas e o seu peso, unha valoración do aspecto, indicando cales poderían ter valor comercial e se hai froitos enfermos ou cun crecemento defectuoso.

Con anterioridade xa tivera lugar a recolleita de leitugas. A análise desta planta realizouse de maneira diferente, retirando un número determinado de follas en función do tamaño das cabezas que se enviaron aos laboratorios do CSIC para deshidratalas e analizalas.

A seguinte especie en dar froitos será a xudía e, por último, farase a colleita do trigo.

Para realizar o estudo elixíronse estes catro cultivos por ser representativos da horticultura da zona. Na plantación, que foi realizada por alumnado do ciclo de Agroxardinería e composicións florais do IES de Valga, empregáronse dous tipos de abono para comparar os resultados: compost natural producido no composteiro comunitario do colexio Baño-Xanza e compost comercial. O experimento complétase cunha segunda plantación na finca que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo (Pontevedra), o que permitirá comparar resultados tamén en función dos diferentes tipos de terreo.

Estes ensaios faranse repetirase no ano 2024 e os datos obtidos empregaranse na redacción dun informe que se publicará nunha revista especializada.

O obxectivo deste estudo é por en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte aos fertilizantes inorgánicos ou químicos, avanzando cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. Trátase de demostrar que o compost natural é válido e óptimo e que non ten repercusións negativas ou indesexadas sobre os cultivos ou sobre o solo, de maneira que poida chegar a comercializarse e a empregarse en plantacións agrícolas de forma regular. a súa utilización en agricultura non está implantada a grande escala.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, o Concello de Valga e a Misión Biolóxica de Galicia asinaron un convenio de colaboración que se enmarca no proxecto internacional “Dromamed”, de promoción de sistemas agrícolas innovadores.

ColleitaEstudoCompost2 ColleitaEstudoCompost3

ColleitaEstudoCompost4 ColleitaEstudoCompost5

 

Volver