Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A obra destaca polo seu colorido e representa o Parque Irmáns Dios Mosquera, con anguías no río, un alambique e o Centro de Interpretación da Caña do País

- O segundo premio recaeu en Flora Castromán e o terceiro na moza Sofía Jamardo López

PremiosCartel23

Valga, 3 de agosto de 2023.

Un colorido debuxo feito polo neno Lois Tasende Gómez, de 10 anos e veciño dos Cotriños (Cordeiro), será o cartel anunciador da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, evento que está declarado de Interese Turístico de Galicia.

A obra, que se presentou baixo o lema “Con caña e anguía, desfruta do seu día”, destaca polas diferentes cores empregadas, que lle dan unha imaxe alegre e festiva. Aparece representado o Parque Irmáns Dios Mosquera, epicentro das celebracións, coa súa representativa pasarela de madeira, o Centro de Interpretación da Caña ao fondo, as anguías no río Valga e un alambique para a elaboración da augardente.

O segundo premio foi para Flora Castromán Casal, cunha pintura na que son protagonistas unha anguía que sae do Centro de Interpretación da Caña e dous cañeiros á beira dun alambique. O terceiro premio recaeu en Sofía Jamardo López, unha moza de 20 anos do Carballiño, que pintou un óleo no que sobresae a figura da Bella Otero suxeitando senllas anguías e flanqueada por dúas botellas de caña.

Os tres galardoados recibirán premios de 150, 100 e 75 euros, respectivamente, así como un trofeo, que lles serán entregados o vindeiro 26 de agosto no transcurso dos actos da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Un total de quince obras concorreron ao concurso, o número máis elevado dos últimos anos. Dende o goberno local agradécese a todos os participantes a súa implicación e anima a eles ao resto de valgueses a seguir participando en vindeiras edicións para conseguir que o certame acade a maior calidade posible.

As bases establecían que as obras tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa –a anguía e a caña– ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos. Non se establecían limitacións de técnicas a empregar súa, pero si tiñan que incluír obrigatoriamente o escudo do Concello e o texto “XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 19, 20, 25, 26 e 27”. Ademais, Ademais, o deseño debía ter en conta que a finalidade é facer impresións dixitais para carteis promocionais, polo que este foi un dos principais criterios valorados polo xurado.

1PremioCartel23

2PremioCartel23

3PremioCartel23

Volver