- O xulgado considera “conforme a dereito” a resolución do contrato e a incautación da garantía
- Tamén rexeitou as pretensións económicas da construtora, declarando correcta a liquidación efectuada polo Concello
Valga, 2 de agosto de 2023.
O Concello de Valga vén de gañar dous litixios xudiciais á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa (Marconsa), á que no seu día se adxudicou unha obra de saneamento valorada en máis de medio millón de euros, e que a construtora abandonou cando apenas levaba executado un 16% do total do proxecto e un 23% das melloras. Os xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra deron a razón, por dúas veces, ao Concello, que acordou a resolución do contrato e incautou a garantía constituída pola empresa.
Foi en xaneiro de 2019 cando se adxudicou a Marconsa o proxecto “Saneamento no Concello de Valga”, cun orzamento 509.969’17 euros e que incluía obras de mellora e ampliación da rede de saneamento en Balleas-Socastro, Outeiriño-Baño-Carballiño, Sixto, Chenlo, Raxoi, Bronllo-Cernadas e Vilar, así como a instalación de dúas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) nas Cernadas e Raxoi e dous pozos de bombeo no Carballiño e en San Miguel.
A adxudicataria comprometeuse a executar as obras nun prazo máximo de 32 días que comezarían a computar no momento da sinatura da acta de comprobación de replanteo. Esta comprobación realizouse o día 1 de marzo e, non habendo inconvintes, Marconsa comezou a execución material das obras. Sen embargo e a pesar dos continuos requerimentos por parte da dirección de obra e do Concello, Marconsa foi dilatando a sinatura da acta co único fin de prolongar o prazo de execución ao que estaba obrigada segundo o contrato. Ademais, comezou a alegar problemas e impedimentos técnicos que supostamente non lle permitían realizar as obras conforme aos criterios recollidos no proxecto e a solicitar revisións de prezos, ata que abandonou a obra sen tela rematado.
O Concello decidiu, entón, resolver o contrato pola demora inxustificada na execución das obras, o abandono das mesmas, o incumprimento das obrigas impostas no contrato e o incumprimento do prego de cláusulas administrativas, posto que o Concello coñeceu a posteriori que Marconsa tiña subcontratados parte dos traballos a unha segunda empresa sen terllo comunicado. Ademais, decidiu incautar a garantía definitiva de 21.073 euros, e sacou de novo a concurso as obras para poder rematar a súa execución.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº3 de Pontevedra emitiu sentenza desestimando o recurso presentado pola construra e declarando “conforme a dereito, motivado e substancialmente correcto” o acordo de resolución do contrato. Engade que, “tampouco procede poñer en dúbida a decisión municipal de incautar a garantía constituída pola empresa”. Marconsa foi condenada ao pago das costas. Este fallo, que agora xa é firme, foi recurrido en apelación ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que tamén deu a razón ao Concello.
Con anterioridade, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Pontevedra e máis o TSXG xa se pronunciaran a favor da administración municipal noutro lixitio relacionado coa mesma obra, no que Marconsa recorreu a liquidación efectuada polo Concello da pequena parte da obra executada. Esta ascendía a 105.226’68, pero a empresa chegou a reclamar ata 251.275 euros. Entre os argumentos empregados polo TSXG na súa resolución desestimatoria, están os “densos, sólidos e claros” informes técnicos que obraban no expediente administrativo, destacando, ademais, que o proxecto da obra era “claro, adecuado e suficiente”, sen que fora “obxectado” pola empresa cando presentou a súa oferta nin cando asinou o contrato.