- Unha trintena de rapaces participaron nun obradoiro de cociña no que elaborar empanadillas con este peixe
- O “Agosto Gastronóimico” ten aberta a participación no concurso Anguía Chef e nos certames de fotografías e receitas
Valga, 2 de agosto de 2023.
Un obradoiro infantil de cociña que contou coa participación dunha trintena de rapaces foi o arranque do Agosto Gastronómico, co que Valga se rende durante todo o mes á anguía e á caña do país con motivo da festa de exaltación destes dous produtos.
Nos exteriores do Centro de Interpretación da Caña, os cativos de entre 5 e 12 anos puxeron mandís e gorros para converterse en auténticos chefs que prepararon un menú composto por samosas de anguía e unha sobremesa con froitas, seguindo as instrucións dos cociñeiros Coque Fariña, Fran Jamardo e Rocío Garrido.
Para facer as tradicionais empanadillas da India, elaboraron un recheo con anguía, verduras e queixo e empregaron como envoltura masa filo, á que deron forma de triángulo e que, despois, meteron no forno.
A continuación chegou o momento do doce, que a maioría dos nenos agardaban con ansia. A receita que prepararon foi unha sobremesa servida en vaso a base de bizcoito e froitas coma amorodos, framboesas, melocotón, plátano e piña. Primeiro desmigaron o biscoito e despois fórono intercalando con capas de nata montada e froita picada.
O resultado foi do máis delicioso, e algúns dos participantes non tardaron en botarlle o dente ás dúas elaboracións.
O “Agosto Gastronómico” continúa o vindeiro martes do showcooking “Universo Anguía”, para o que xa está completo o aforo. Está aberto o prazo de inscrición no concurso Anguía Chef, no que poden participar cinco equipos de catro persoas cada un representando ás distintas parroquias de Valga e que loitarán por facerse co título de ser os mellores conciñeiros de anguía. E tamén está aberta a participación nos certames de fotografía e receitas de caña e anguía.
Todas as actividades do “Agosto Gastronómico” teñen un carácter solidario e para participar hai que doar un quilo de alimentos non perecedoiros que os Servizos Sociais repartirán entre as familias que o precisan.