- As subvencións poderán tramitarse unha vez se publique o anuncio no Boletín Oficial da Provincia
- Diríxense a alumnado de segundo ciclo de Infantil, Bacharelato, FP, ensinanzas superiores e especiais
Valga, 1 de agosto de 2023.
O Concello vén de aprobar as bases para a convocatoria e concesión das axudas municipais para material e transporte escolar para o curso 2023/2024, que poderán solicitarse unha vez saia publicado o correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
As subvencións para material escolar teñen como beneficiario ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil dos centros públicos do municipio (colexio de Baño e escolas do CRA de Valga), mentres que as de transporte diríxense a estudantes de Bacharelato, FP, ensinanzas artísticas superiores e universitarios matriculados en centros públicos de Galicia, sempre que cursen estudos que non se impartan no municipio de Valga. Tamén poden solicitar a axuda de transporte alumnos con necesidades educativas especiais que impidan a súa escolarización nun centro ordinario do municipio.
O prazo para tramitalas manterase aberto ata o 31 de outubro. Con estas axudas o Concello trata de favorecer a escolarización en centros públicos e a formación superior nas familias con menos recursos económicos.
Para ser beneficiario destas subvencións é necesario cumprir os seguintes requisitos:
- Que a renda per cápita familiar non supere o límite de 7.000 euros.
- Estar empadroado en Valga e ser fillo dependente económicamente (menor de 25 anos, que conviva no domicilio familiar e que non teña contrato de traballo ou percibira algún tipo de recurso durante o ano 2022, excepto bolsas).
O importe das axudas calcularase en función da renda per cápita e, no caso do transporte, tamén da distancia ao centro educativo en quilómetros. As contías máximas serán de 75 euros no caso do material escolar e 175 para desprazamentos en transporte.
As axudas deben ser solicitadas polos representantes legais do alumnado (pais, nais ou titores). No caso de alumnos de entre 18 e 25 anos poderán facelo tamén os propios beneficiarios. As solicitudes deben presentarse no rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. É preciso aportar o impreso debidamente cuberto (pode descargarse a través da ligazón https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) xunto coa seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI do solicitante.
- Fotocopia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
- Fotocopia da declaración da renda de 2022 dos pais ou titores legais. En caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia da notificación-declaración ou certificado acreditativo do nivel de rendas emitido pola Axencia de Administración Tributaria que corresponda.
- Facturas orixinais ou, no seu caso, certificado expedido polo centro educativo que acredite o gasto en material escolar ou libros para o alumnado de Infantil.
- Certificado da matrícula expedido polo centro educativo ou resgardo de ter pagada a matrícula selado pola entidade bancaria para o alumnado de Bacharelato, FP, Universidade, ensinanzas artísticas superiores e alumnado con necesidades educativas especiais.
- Declaración responsable de encontrarse ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas.
- Certificado bancario do número de conta onde sexa titular o solicitante.
- Autorización ao Concello para que realice as comprobacións oportunas durante todo o período que dure o proceso.
Outra documentación complementaria que tamén pode aportarse:
- Certificado que acredite o grao de minusvalía ou incapacidade igual ou superior ao 33% dalgún membro da unidade familiar.
- Certificado que acredite a situación de desemprego por un período superior a 6 meses durante este ano 2023 dalgún membro da unidade familiar.
- Documentación acreditativa da situación de familia monoparental ou de ausencia de ambos proxenitores.
- Título de familia numerosa