Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A concesión tamén inclúe o pavillón de Beiro e as pistas deportivas do Muíño de Vento

- É a primeira licitación municipal axustada á nova lei de contratos do sector público, que entrou en vigor en marzo

gim

Valga, 13 de abril de 2018.

O Concello de Valga saca a contratación a xestión indirecta do servizo do ximnasio, o pavillón polideportivo de Beiro e as pistas deportivas do Muíño de Vento, instalacións todas de titularidade municipal. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de licitación, admitíndose ofertas durante vinte e seis días naturais.

Segundo recolle o prego de cláusulas económico-administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, retribuíndose coas propias tarifas dos usuarios e sen que haxa lugar a compensacións económicas. Non se establece, por tanto, nin canon concesional a cargo do adxudicatario nin se achegarán subvencións por parte do Concello para compensar eventuais perdas. O contrato terá unha duración de quince anos, prorrogables por unha ou máis anualidades sen superar o máximo de vinte anos.

Poden presentar ofertas persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en prohibicións para contratar e acrediten a súa solvencia económica, financieira e técnica. A adxudicación recaerá no candidato que presente a oferta máis vantaxosa, avaliándose, entre outros criterios, a experiencia da persoa proposta como director das instalación deportivas, a mellora na calidade e intensidade dos servizos mínimos a prestar e a elaboración dun proxecto de actuación e de promoción do deporte e da saúde. Neste apartado incluiranse as políticas de xestión encamiñadas a proporcionar maior facilidade de acceso a familias e colectivos en risco de exclusión social, así como á fixación dos usuarios de cara a manter unha actividade deportiva continuada.

No tocante ás tarifas a percibir polo concesionario, deben estar sometidas ao principio de legalidade e serán aprobadas polo órgano competente do Concello. A estes efectos, serán de aplicación as ordenanzas reguladoras dos prezos públicos que están en vigor.

Este é o primeiro procedemento de contratación municipal axustado á nova lei de contratos do sector público, a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSP), pola que se transpoñen ao noso ordenamento as Directivas Comunitarias 2014/23/UE e 2014/24/UE, que entrou en vigor o pasado 9 de marzo.

Volver