- As propostas culinarias, acompañadas dunha foto do prato, teñen que enviarse por correo electrónico ata o día 20 de agosto
- As imaxes deben publicarse nas redes sociais Instagram ou Facebook
Valga, 1 de agosto de 2023.
Dá comezo agosto e, con el, póñense en marcha novas actividades relacionadas coa gastronomía e coa anguía e a caña do país, as auténticas protagonistas deste mes en Valga. Trátase dos concursos de fotografía e receitas, que teñen aberto o prazo de participación dende hoxe e ata o día 20.
O certame de receitas ten como obxectivo dar a coñecer a ampla variedade de posibilidades culinarias que ofrecen o peixe do Ulla e a augardente de Valga. Os participantes deben presentar unha receita de cociña na que o ingrediente principal sexa a anguía ou a augardente e enviala ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. acompañada dunha fotografía de calidade do prato finalizado.
A receita debe ir explicada especificando a seguinte información:
- Modalidade (tapa, prato principal ou sobremesa)
- Nome ou título da receita
- Número de racións
- Ingredientes, detallando as cantidades a empregar
- Pasos a seguir para a elaboración do prato
As propostas presentadas ao concurso serán publicadas nas redes sociais (Facebook e Instagram) e, unha vez rematado o prazo enviaranse ao xurado para a súa valoración. O tribunal estará formado por cociñeiros, representantes municipais e persoas vencelladas a Valga, que atenderán a criterios de creatividade e calidade técnica para elixir a receita gañadora.
No que respecta ao concurso de fotografía, trátase de promocionar tanto a anguía e a caña, pero tamén o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras, sendo estas orixinais e inéditas e que non se presentaran con anterioridade a outros concursos ou foran publicadas en webs ou medios dixitais ou impresos.
As imaxes deben publicarse en Instagram ou Facebook, etiquetar a @valga.gastronomica e empregar as etiquetas #anguia_valga, #caña_valga ou #camiño_valga, dependendo da temática da foto.
Os gañadores dos dous concursos recibirán como premio un lote de produtos galegos valorado en 100 euros. Daranse a coñecer o día 26 de agosto nos actos da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.