- Os rapaces visitaron o centro de maiores e xogaron con eles aos bolos, ás cartas ou ao dominó
- A actividade serviu, ademais, para conmemorar o Día do Avó
Valga, 31 de xullo de 2023.
Os cativos que están a participar na Escola de Verán e os usuarios do Centro de Día participaron nos últimos días nunhas xornadas de convivencia que permitiron aos rapaces, de 4 a 11 anos de idade, coñecer por dentro o funcionamento dun centro destas características e aos maiores, pasar uns días diferentes na compaña das novas xeracións de valgueses.
A iniciativa interxeracional, que ademais serviu para conmemorar o Día do Avó, iniciouse o pasado xoves, cando un primeiro grupo de nenos visitou o Centro de Día, e continuou esta mañá cun segundo grupo. Explicáronlles como funciona e que actividades se desenvolven nestes centros, faláronlles sobre a importancia de coidar e querer aos maiores e proxectáronlles un conto sobre esta temática.
Despois, nenos e maiores gozaron de tempo xuntos realizando crebacabezas, xogos de motricidade coma os bolos ou a diana e outras actividades lúdicas coma as cartas, o dominó ou o Quen é quen?
Para os pequenos a actividade supuxo un achegamento á realidade da terceira idade e, para os maiores, “un estímulo. Estar con nenos actívaos moitos, mantenos espertos e anímaos a participar en actividades”, destaca a traballadora social do Centro de Día de Valga, Verónica Piñeiro.