- Os equipos deben estar formados por catro persoas, podendo participar tanto nenos coma adultos
- As eliminatorias terán lugar o día 17 e a gran final o 18 de agosto no Parque Irmáns Dios Mosquera
Valga, 31 de xullo de 2023.
Valga busca a parroquia do concello que na que mellor se cociña anguía a través do concurso “Anguía Chef”, que mañá abre o prazo de inscrición para os equipos participantes.
Cinco grupos, un de cada parroquia, enfrontaranse en probas eliminatorias e competirán por clasificarse para a final e acadar o título de ser os mellores cociñeiros do exquisito peixe do Ulla. Os equipos deben estar compostos por catro persoas de calquera idade, tanto nenos como adultos, e só se admitirá un equipo de cada parroquia por orde de inscrición. De anotarse máis, os outros quedarán en lista de espera por se non se completaran todas as prazas.
As follas de inscrición poden descargarse da páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou recollerse en papel nas oficinas do Concello. Deben entregarse no rexistro debidamente cubertas ata o día 11 de agosto.
O concurso desenvolverase no Parque Irmáns Dios Mosquera entre o xoves 17 e o venres 18 de agosto a partir das 20 horas. O día 17 terán lugar as eliminatorias e o 18 a proba final na que se decidirá o gañador.