- O Concello e a Xunta investiron 146.000 euros na instalación do pavimento nunha área de 2.000 metros cadrados
- O remate das obras está só pendente do selado con resina e da marcaxe dos diferentes campos
Valga, 26 de xullo de 2023.
O pavillón municipal de Cordeiro conta con novo pavimento que permitirá a boa práctica de diferentes disciplinas deportivas. O Concello e a Xunta de Galicia investiron 146.195’22 euros nesta obra, que foi adxudicada á empresa Sport Equipalia e que está a piques de rematar.
O vello pavimento atopábase nun estado moi deteriorado debido á entrada de auga a consecuencia dos temporais, de maneira que foi retirado para instalar unha nova pista de linóleo acústico de 4 milímetros de espesor, con tratamento antiestático e acabado liso. Actuouse sobre un total de 2.000 metros cadrados, colocando primeira unha base elástica e, sobre esta, outra ríxida de linóleo. Con isto conséguese que a pista teña a flexibilidade que requiren algúns deportes, pero tamén a firmeza para poder patinar sobre ela
A finalización da obra está pendente do selado con resina das xuntas e da marcaxe de campos de fútbol sala, baloncesto, bádminton, voleibol, tres canchas de tenis e marcas para adestramentos de patinaxe.