- As rutas de autobús sufrirán modificacións tanto nos seus horarios coma nas paradas
- Os vehículos privados deben evitar este punto e circular por vías alternativas mentres dure o peche ao tráfico
Valga, 17 de xullo de 2023.
A estrada provincial EP-8504 (Forno-Cernadas) quedará pechada ao tráfico a partir deste mércores, día 19, á altura do lugar de Reguengo (Setecoros). Esta incidencia débese á execución de obras de mellora da drenaxe que está a executar a Deputación de Pontevedra.
Instalarase sinalización informativa tanto na N-550, á altura das Cernadas, coma nas inmediacións da igrexa de Setecoros para que os condutores eviten o paso pola zona afectada polas obras.
Ademais, tamén se verán afectados os servizos de transporte público de autobús e os horarios e paradas das liñas entre Valga, Pontecesures e Padrón sufrirán cambios a partir do mércores. Dúas paradas quedarán sen servizo temporalmente (Cernadas e Cernadas 2), tendo que desprazarse os usuarios ata o cruce da estrada N-550 para coller o autobús. Ademais, tamén se verán afectadas as paradas de Reguengo, Setecoros e Cerneira, que se atenderán en sentido inverso, polo que haberá modificacións horarias e de itinerarios.
Os percorridos e horas de saída dos diferentes servizos quedan como se indica a continuación:
Percorridos e horarios de luns a venres:
- 8:30 horas: Cruce Cernadas – Louro – Sixto – Gándara – Cerneira – Setecoros – Reguengo – Xanza – Pontevalga – Centro Médico – Pontecesures – Padrón
- 11:30 horas: Reguengo – Cerneira – Cruce Cernadas – Xanza – Pontevalga – Pontecesures – Padrón
- 12:48 horas: Padrón – Pontecesures – Pontevalga – O Pino – Casal de Eirigo
Percorridos e horarios dos domingos:
- 8:00 horas: Cruce Cernadas – Senín – Louro – Sixto – Gándara – Cerneira – Setecoros – Reguengo – Xanza – Centro Médico – Cordeiro – Campaña – Padrón
- 9:25 horas: Vilar – Padrón
- 9:50 horas: Padrón – Casal de Eirigo
- 10:10 horas: Casal de Eirigo – Padrón
- 10:30 horas: Padrón – Ferreirós
- 11:00 horas: Ferreirós – Padrón
- 11:20 horas: Padrón – Pontecesures – Pontevalga – Louro – Sixto – Gándara – Cerneira
- 11:45 horas: Reguengo – Setecoros – Cerneira – Cruce Cernadas – O Pino – Medela – Pontevalga – Padrón
- 12:20 horas: Padrón – Vilar – Barcia – Cerneira – Setecoros – Tino – Campaña – Pontevalga – Louro – Sixto – O Pino – Cruce Cernadas
As rutas dos sábados non sufrirán ningunha modificación.
Estas medidas foron acordadas nunha xuntanza de coordinación celebrada hai uns días e na que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro; a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez; o xefe do servizo de Infraestruturas da Xunta, Manuel González Juanatey; técnicos da Deputación, entre eles o xefe do departamento de Infraestruturas; representantes da compañía de transportes Benito Abalo e da empresa adxudicataria do proxecto, Moncosa.
As obras que se están a executar e nas que se invisten 291.000 euros darán solución á problemática que ocasionan as crecidas do río Louro. Para iso demoleranse os pasos existentes sobre o río para executar uns novos que ampliarán a capacidade hidráulica. Tamén se executarán traballos de limpeza e a construción de dous muros de contención.
Ademais, este proxecto permitirá ampliar a plataforma da calzada e dotala de maior seguridade, engadindo espazo para o tránsito peonil e aplicando un novo pavimento. As actuacións completaranse coa instalación de varandas e barreiras de seguridade, sinalización horizontal e redutores de velocidade.