Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os recoñecementos recaeron en alumnos dos colexios de Baño e Ferro Couselo, do IES de Valga, da Escola de Música e do Centro Superior de Música

- O acto contou coa presenza do alcalde, a directora xeral de Innovación Educativa da Xunta e representantes da comunidade escolar

Expedientes23 1

Valga, 14 de xullo de 2023.

Os estudantes dos centros educativos valgueses cos mellores expedientes académicos do curso 2022-2023 recibiron onte unha homenaxe por parte de Concello. O acto, que se celebrou no Auditorio Municipal, contou coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, directores dos centros educativos do municipio, representantes da ANPAs e familiares dos alumnos recoñecidos.

Os galardóns aos mellores expedientes de Educación Primaria recaeron en Irene Moure Pérez, do CEP Xesús Ferro Couselo, e Simón Iglesias Fernández, do CEIP Baño-Xanza. En Educación Secundaria Obrigatoria foi recoñecida Carla Herrero Suárez, mentras que en Bacharelato os mellores expedientes foron os de Samuel Rial Maneiro, na rama de Ciencias e Tecnoloxía, e Tania Otero Isorna, na especialidade de Humanidades e Ciencias Sociais.

En Formación Profesional Básica, na especialidade de Fabricación e Montaxe, o alumno máis brillante foi

Harry Galmarini Araujo. No Ciclo Medio de Soldadura e Caldeiraría o recoñecemento recaeu en Jesús Souto Calvelo e no Ciclo Superior de Construcións Metálicas, en Francisco Conde García.

No referido á ensinanza musical, a estudante co mellor expediente do Grao Profesional durante o curso que acaba de rematar rematado foi Lucía Ortigueira Piñeiro, na especialidade de violonchelo, e no Grao Superior do Centro Superior de Música o alumno coas mellores cualificacións foi Yuri Durán Castro. Por último, o mellor expediente do Máster de Música foi, na especialidade de percusión, o de Ismael Azidane Chenlo. Este mozo vén de ser galardoado, tamén, cos premios Juventudes Musicales de España e Music Competition for Youth, este último outorgado pola Unión Europea. Ademais, acadou o segundo posto no Concurso internacional de Percusión celebrado en Pollensa (Mallorca) e foi o único español seleccionado polo Conservatorio de Shanghai.

Os galardoados recibiron un diploma, una placa conmemorativa e unha tablet, esta última aportada pola Consellería de Educación.

Na quenda de intervencións, o alcalde deu os “parabéns” a todos os galardoados, ao persoal docente e ás familias e achegados dos estudantes, xa que “os vosos logros serían imposible sen o voso traballo, pero tamén son froito dun traballo conxunto de toda a comunidade educativa. Estamos moi orgullosos de vós”. O rexedor engadiu que o goberno municipal seguirá apoiando aos centros locais e realizando xestións e melloras para que “Valga sexa punteira a nivel educativo”.

A directora xeral felicitou tanto aos alumnos homenaxeados coma ao Concello pola organización dun acto que “non se repite en moitos lugares”. “Traballar pola vosa formación é o mellor agasallo que vos podedes facer a vós mesmos”, díxolles aos galardoados.

En representación da comunidade educativa falou Adrián Baloira, que se despide como director do CRA de Valga e deu a en hora boa a “todas as persoas que fan posible que en Valga haxa estes recursos educativos, dende os nosos devanceiros emigrantes, que destinaron recursos para construír escolas”.

Os estudantes homenaxeados tamén tomaron a palabra para agradecer aos seus mestres, familias e compañeiros o apoio que lles brindaron para acadar tan bos resultados académicos. Harry Galmarini, por exemplo, explicou que “estaba decidido a deixar a ESO, pero grazas a eles volvín a estudar e a facer algo que realmente me gusta”, en referencia ao ciclo de Fabricación e Montaxe de FP Básica que se imparte no IES de Valga.

A gala contou coas actuacións musicais de Yuri Durán ao piano.

Expedientes23 2 Expedientes23 3

Expedientes23 4 Expedientes23 5

Volver