Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Foi o primeiro obradoiro impartido en toda Galicia no marco dun convenio entre a Amtega e o Colexio de Enxeñería en Informática

- Durante a sesión, de 4 horas de duración, realizáronse demostracións e experimentos co obxectivo de achegar estas tecnoloxías á cidadanía

TallerTecnolóxico1

Valga, 13 de xullo de 2023.

O equipamento de última tecnoloxía incorporado recentemente pola Aula CeMIT foi o protagonista do obradoiro que se impartiu esta mañá e ao que asistiron unha decena de persoas: adultos sen coñecementos previos na utilización destes sistemas tecnolóxicos, tan só con nocións básicas de informática e ofimática. “Non son nativos dixitais”, indicou a formadora Cristina Fernández sobre os participantes, “pero están motivados e que teñan o interese de vir e formarse xa é un paso moi grande” de cara a acadar a súa capacitación dixital, obxectivo final da actividade.

A de Valga foi a primeira Aula CeMIT de toda Galicia na que se impartiu un taller destas características, no marco dun convenio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio profesional de Enxeñería en Informática. Tratouse dunha sesión demostrativa e experimental na que os alumnos exploraron algunhas das aplicacións e usos que poden ter a impresión 3D, a programación electrónica, a robótica, os drons ou os equipos de realidade virtual.

Durante catro horas aprenderon a empregar os diferentes dispositivos cos que conta a aula CeMIT. Comezaron coa impresión 3D, deseñando cada un no seu ordenador un bloque de Lego e comprobando despois in situ como a impresora ía dando forma á figura. Comprobaron, ademais, os usos que esta tecnoloxía pode ter na vida diaria. Por exemplo, traballadores municipais xa crean as súas propias pezas que lles facilitan as súas tarefas, coma por exemplo chaves de contadores.

A sesión matinal continuou con demostracións de programación electrónica, a realización dun xogo con drons e un achegamento á realidade virtual co uso de gafas coas que os alumnos puideron visualizar en tres dimensións un entorno virtual xerado por ordenador.

Ademais da mestra, Cristina Fernández, a sesión contou coa participación da técnica municipal responsable da aula, Vanessa Losada, e unha formadora do equipo CeMIT, Sara García, que explicou que este tipo de actividades tratan de achegar á poboación as últimas tecnoloxías e equipamentos cos que foron dotadas as aulas da Rede CeMIT, entre elas a de Valga.

TallerTecnolóxico2 TallerTecnolóxico3

TallerTecnolóxico4 TallerTecnolóxico5

Volver