- O alcalde, o concelleiro de Cultura e os chefs de Indo e Vindo presentaron a terceira edición do “Agosto Gastronómico”
- As actividades teñen un carácter solidario e os participantes deberán levar un quilo de alimentos non perecedoiros
Valga, 12 de xullo de 2023.
A terceira edición do “Agosto Gastronómico” presentouse esta mañá no Centro de Interpretación da Caña do País, coa presencia do alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e o equipo de cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía: Coque Fariña, Rocío Garrido e Fran Jamardo. “A Festa da Anguía e Mostra da Caña é unha cita moi importante para Valga, a nivel turístico e cultural, e estas actividades tamén o son xa que nos últimos anos axudaron a que o noso pobo siga dándose a coñecer a través da gastronomía e destes artistas da cociña”, dixo o alcalde, que augurou “un novo éxito” de participación nesta edición.
“Teremos todo o mes de agosto, dende o día 1 ata o 29, dedicado á anguía e á caña”, engadiu o concelleiro de Cultura, seguindo “a mesma fórmula que en anos anteriores: showcookings e actividades para os máis cativos coas que conseguimos que os nenos valgueses se acheguen á anguía, aprendan a limpala, a cociñala e, por último, que a proben”. Pedro Calvo sinalou que grazas ao “Agosto Gastronómico”, nos últimos anos “coñecemos múltiples e diferentes formas de cociñar con anguía e caña, máis aló das receitas tradicionais e máis habituais nos fogares”. Neste sentido, Coque Fariña avanzou que “este ano seguiremos na mesma liña de tratar de sorprender con pratos distintos” que os asistentes aos showcookings poderán aprender a cociñar e tamén degustar.
As actividades darán comezo o día 1 de agosto cun obradoiro de cociña no Parque Irmáns Dios Mosquera dirixido a nenos de 5 a 12 anos. Elaborarán un prato doce e un salgado que terá como ingrediente principal a anguía. O número máximo de participante será de 25.
Unha das novidades desta edición é o Anguía Chef, que se reformula para convertelo nun concurso interparroquial de cociña. O obxectivo é atopar á parroquia de Valga na que mellor se cociña a anguía. Poderán participar cinco equipos, un por parroquia, formado cada un por catro persoas de calquera idade (tanto nenos como adultos), que terán que pasar unha proba eliminatoria. Os que se clasifiquen para a final loitarán por facerse co título de mellores cociñeiros de anguía. O concurso desenvolverase os días 17 e 18 de agosto no Parque Irmáns Dios Mosquera.
A programación complétase con catro showcookings:
- Universo Anguía (martes, 8 de agosto): cociña en directo e degustación de catro pratos con anguía.
- Moito máis que caña (domingo, 20 de agosto): preparación e degustación de cócteis con caña do país, realizados por un concteleiro profesional e con degustación final dos mesmos.
- A caña no prato (martes, 22 de agosto): cociña en directo e degustación de catro pratos que inclúen entre os seus ingredientes a caña do país.
- 10 anos de “Tapa a Anguía” (martes, 29 de agosto): unha homenaxe á Ruta “Tapa a Anguía”, que cumpre este ano a súa décima edición, cun repaso aos mellores petiscos elaborados polos hostaleiros de Valga.
A inscrición nas diferentes actividades é gratuíta, se ben teñen un carácter solidario. Deste xeito, cada participante deberá levar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán entregados ao departamento de Servizos Sociais do Concello para o seu reparto entre as familias sen recursos.
Concursos de fotografías e de receitas
Convocaranse, ademais, senllos concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram.
En canto ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas culinarias elaboradas con estes produtos, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación.