- A actividade, na que se empregarán gafas de realidade virtual, drons ou unha impresora desenvólvese este xoves de 10:00 a 14:00 horas
- As inscricións poden realizarse no Auditorio Municipal
Valga, 11 de xullo de 2023.
A Aula CeMIT imparte este xoves un obradoiro experimental no que se empregarán algúns dos equipos de última tecnoloxía incorporados recentemente polo centro, coma unha impresora 3D, material de robótica e kits de construción, drons, gafas de realidade virtual ou placas de comunicación e programación.
A actividade está dirixida a adultos e terá lugar este xoves de 10:00 a 14:00 horas. Aínda quedan prazas libres, polo que as persoas interesadas poden inscribirse na Aula CeMIT. Non é necesario que se teñan coñecementos previos sobre a utilización dos citados materiais, pero si nocións básicas en tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
Este obradoiro creativo sobre equipamento para a inclusión e a capacitación dixital é unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio profesional de Enxeñería en Informática. Trátase dunha sesión demostrativa e experimental na que se exporán varias aplicacións e usos dos sistemas e equipamento tecnolóxico existentes na Aula CeMIT, cun enfoque divulgativo, educativo e de ocio. Explicaranse tanto aspectos técnicos e as principais utilidades de cada un coma recursos para o seu aprendizaxe.
Os participantes poderán ver, inspirarse e interactuar con algunhas creacións e implementacións dos diferentes sistemas.