- A mostra, chamada “Capacidades”, poderá verse durante todo o mes de xullo
- Cadros, colares, pulseiras e figuras de cerámica con algunhas das pezas que forman parte da exposición
Valga, 6 de xullo de 2023.
O Auditorio acolle durante o mes de xullo a exposición “Capacidades”, que reúne diversos traballos elaborados polos usuarios do CODI nalgúns dos obradoiros que forman parte da súa actividade formativa cotiá no centro para discapacitados de Baño.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna, asistiron esta mañá ao acto de inauguración da mostra, que conta con traballos de pintura, coiro e barro. Os cadros reflexan paisaxes moi coñecidas para os valgueses e lugares de interese do municipio: as fervenzas, a capela dos Martores, o propio Auditorio, a Mina Mercedes, o Parque Irmáns Dios Mosquera e a estatua da Bella Otero que se erixe neste espazo...
Pode verse, ademais, unha colección de colares feitos con barro. E tamén con este material os usuarios crearon pratos, bandexas e figuras que, nalgúns casos representan a persoeiros do concello coma Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero.
A exposición complétase con pulseiras, carteiras, pendentes e chaveiros elaborados con coiro.
Todos estes traballos son reflexo das “capacidades” adquiridas polos usuarios nos obradoiros impartidos por Ángeles Garrido e unha mostra de que a discapacidade non supón para eles ningún freo, senón un estímulo para seguir superando metas.