- A actividade gastronómica desenvolverase os días 19, 20, 26 e 27 de agosto, con tapas gratuítas nos locais participantes
- Os gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce elixiranse por votación popular e un xurado profesional escollerá o petisco que se degustará na Festa da Anguía do 2024
Valga, 6 de xullo de 2023.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, cumpre este ano a súa décima edición. Celebrarase, como é costume, as dúas últimas fins de semana do mes de agosto e xa está aberto o prazo de inscrición para os bares e restaurantes de Valga que queiran participar. O prazo pecharase o 1 de agosto.
A folla de inscrición poden descargala na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou solicitala nas oficinas do Concello e deben entregala no Rexistro municipal debidamente cuberta.
A degustación de petiscos nos establecementos participantes prolongarase durante as fins de semana do 19 e 20 de agosto e do 26 e 27. As tapas, que terán como produto principal a anguía, serviranse de xeito gratuíto coas consumicións. A parte de concurso desenvolverase unicamente durante a primeira fin de semana, quedando o 26 e 27 de agosto como xornadas de degustación.
No referido aos premios, o público decidirá cos seus votos cales son os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todos os participantes sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Tamén se mantén o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará o vindeiro ano na Festa da Anguía.
Con esta actividade trátase de promocionar e incentivar o consumo de anguía nos locais de hostalería do municipio.