- A expedición partiu de Valga o domingo e na fin de semana ofrecerá varios concertos na localidade conquense e en Aranjuez
- A actividade conta coa colaboración do Concello, que se fai cargo da viaxe en autobús
Valga, 4 de xullo de 2022.
A Escola Municipal de Música traslada durante esta semana a súa actividade á localidade conquense de Mota del Cuervo, onde desenvolve a XXIV edición do seu campamento de verán, unha iniciativa que permite ao alumnado compartir unhas xornadas musicais e tamén experiencias de ocio.
A expedición partiu o domingo ás 23 horas rumbo a Cuenca, onde a súa estadía se prolongará durante toda a semana. Na viaxe participan uns sesenta músicos das diferentes agrupacións da Escola Música, coma a Banda Municipal ou a Orquestra Clásica. Acompáñanos mestres e directivos da Escola, membros da asociación Musival e monitores de tempo libre.
Durante a semana, os músicos asisten a clases colectivas e sesións de ensaio, que compaxinan con actividades de lecer e tempo libre e visitas culturais.
Cara finais de semana están previstas varias actuacións das agrupacións valguesas. O sábado, día 8, a Banda de Música Municipal, dirixida por Diego Fortes, e a Orquestra Clásica, con Manuel Villar á batuta, ofrecerán un concerto no marco do IX Certame Rexional de Bandas de Música Villa Mota del Cuervo.
O domingo 9 a expedición partirá rumbo a Aranjuez, onde está programada outra actuación e, unha vez finalizada, sobre as 23 horas, emprenderán o regreso a Valga.
Este campamento é organizado entre a Escola de Música e a asociación cultural Musival coa colaboración do Concello, que financia os traslados en autobús.