- O alcalde e a concelleira de Educación asistiron ao acto que se celebrou no Auditorio
- Bello Maneiro agradeceulle o “traballo impresionante, grazas a o cal o CRA e o noso concello son un referente en toda Galicia”
Valga, 30 de xuño de 2023.
O CRA de Valga pecha unha etapa con cambios no seu equipo directivo. Adrián Baloira, director dende o ano 2019, deixa o Centro Rural Agrupado para iniciar unha nova etapa docente nun colexio da súa localidade natal, A Baña, e esta mañá foi despedido cun acto no Auditorio que contou coa participación de toda a comunidade educativa e ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez.
Unha década levaba Adrián Baloira no CRA, un tempo no que, ademais de director, tamén ocupou o cargo de secretario (2015-2019) e no que contribuíu de xeito fundamental á mellora das escolas rurais valguesas en canto a infraestruturas, método educativo e número de alumnos, ata convertelas nun referente para toda Galicia e incluso para centros doutras rexións.
Así o recoñeceron esta mañá os seus compañeiros mestres, as familias do alumnado, os representantes do Concello e membros doutros CRAs galegos que participaron na despedida. Fortaleceu os lazos cos diferentes organismos públicos, especialmente o Concello, estableceu unha inmellorable conexión coas familias, traballou na renovación das escolas, estreitou lazos cos demais centros educativos de Valga... foron algunhas das cuestións que se destacaron no acto. “Talento”, “implicación” ou “dedicación absoluta” foron palabras coas que os asistentes definiron a Adrián.
O alcalde fixo un “recoñecemento a todo o traballo” realizado na súa etapa no CRA, especialmente nos seus anos de director. “Foi impresionante”, dixo Bello Maneiro, “e grazas a iso hoxe o CRA e o noso concello son un referente para toda Galicia”. O rexedor fixo fincapé en que “estamos a falar da educación e da cultura dos máis cativos, coa importancia que iso reviste posto que eles son o futuro”. Por iso, concluíu, foi un pracer compartir esforzos e traballo” para sacar adiante proxectos cos que mellorar os colexios rurais de Vilarello; Forno, Ferreirós, Xanza, Chenlo e Campaña.
O homenaxeado sinalou que “traballar no CRA de Valga nunca foi un traballo. Fixémolo sempre con satisfacción e dando o máximo de nós”, dixo referíndose ao todo o equipo directivo e docente. “Foi un labor que fixemos moi a gusto e contando sempre coa implicación das familias e do Concello. Mantede este legado das escolas rurais, porque é un tesouro e un luxo”.
Antía Piñeiro, ata agora secretaria CRA, tomará o relevo como directora, con Samai, titora da escola de Ferreirós, na Secretaría.
No acto despedíronse tamén outros mestres con longa traxectoria no CRA: Manuel, profesor de Música dende 2013 e direcgtor entre 2015 e 2019; Ana, que chegou en 2016 como mestra de apoio e nos últimos anos foi titora da escola de Campaña; e Iratxe, titora en Ferreirós tamén dende 2016.
Ademais, deixan o centro outros membros do equipo docente chegados no pasado curso: a orientadora María; a titora do Forno, Eva; a mestra Xulia; Patri, profesora de Relixión; e Rodri e Noelia, mestres de Audición e Linguaxe.