- As actuacións, que acaban de saír a contratación, contan cunha subvención da Xunta de Galicia
- O horario de apertura das instalacións é os luns de 8:30 a 14:30 e os xoves de 15:00 a 21:00
Valga, 29 de xuño de 2023.
O Concello ten previsto executar novas obras de mellora no Punto Limpo para potenciar o seu uso por parte dos veciños e reforzar a recollida selectiva do lixo. O proxecto, cun orzamento de 167.657’95 euros, acaba de saír a licitación e as empresas teñen de prazo ata o 26 de xullo para presentar as súas ofertas. As actuacións inclúen melloras no peche perimetral e a pavimentación do recinto.
O Punto Limpo e a Planta de residuos da construción son dúas instalacións anexas nas que nos últimos meses se levaron a cabo traballos de baleirado e posta a punto que permitiron poñelas de novo en funcionamento. Debido á reducida superficie do Punto Limpo, incorporouse á súa parcela parte da zona cuberta que formaba parte da planta de derrubamentos e isto obrigou a retirar o peche que separaba ambos espazos.
No marco destas novas obras de acondicionamento, instalarase un novo peche perimetral para delimitar ambas infraestruturas e para tratar de evitar roubos e danos materiais que acontecen con frecuencia no Punto Limpo. Ademais, pavimentarase a parcela para mellorar os accesos aos diferentes colectores de depósito de residuos por parte dos usuarios e do persoal encargado da xestión.
Para o desenvolvemento deste proxecto, o Concello conta cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dunha orde para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal.
Estas obras foron incluídas nunha orde da Xunta de Galicia dirixida a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Aberto os luns pola mañá e os xoves pola tarde
O Punto Limpo permite aos veciños de Valga depositar, de xeito gratuíto, residuos que non deben botarse nos colectores de recollida selectiva. As instalacións, que son xestionadas directamente polo Concello, abren os luns de 8:30 a 14:30 e os xoves de 15:00 a 21 horas, excepto festivos.
No recinto poden depositarse os seguintes residuos:
• Colchóns, mobles e outros voluminosos
• Restos metálicos
• Madeira
• Electrodomésticos e aparellos electrónicos
• Plástico agrícola
• Plástico duro (canalóns, PVC, persianas, tubaxes...)
• Poliespán
• Pintura
• Vidro de ventás, vasos, copas ou espellos.
• Entullos e escombro (pedra, formigón, ladrillo, azulexo, tella ou cerámica)
• Aerosois (baleiros)
• Envases plásticos ou metálicos (baleiros)
• Restos de poda
• Aceite de vehículos
• Aceite de cociña
• Roupa, restos téxtiles e calzado
• Pilas
• Tóner de impresoras
No referido á recollida de escombros, é tamén gratuíta para as persoas empadroadas en Valga, presentando a correspondente licenza de obra e ata un máximo de 50 quilos ao día e 500 quilos ao ano.
As persoas que non estean empadroadas no concello só poden depositar escombro na planta de residuos da construción, debendo aboar a taxa correspondente segundo o recollido na ordenanza municipal en vigor.