Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Retiraranse os encintados con cemento e limparase a superficie da pedra para eliminar musgos e liques, cunha subvención da Deputación

- A parte escultórica, danada por unha caída en 1958, foi desmontada para reforzar as unións

ObrasCruceiroCerneira1

Valga, 27 de xuño de 2023.

Co obxectivo de seguir dándolle valor á riqueza patrimonial de Valga, o Concello está a desenvolver unha actuación de restauración e limpeza do cruceiro de Cerneira, na parroquia de Setecoros. Datado en 1670, é o cruceiro máis antigo que se conserva no municipio e hai varias décadas, a consecuencia dunha caída, resultou danado e sufriu unha restauración. Isto sucedeu en 1958, tal e como recolle unha inscrición nunha das pedras que forman a base.

Este accidente afectou de forma importante á cruz. Do anverso orixinal só se mantén o tronco da figura de Cristo, decapitado e sen brazos. Segundo recolle Lois Ladra na obra “Arte relixiosa popular na terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánima”, tratábase dun Cristo de tres cravos, coa cabeza ladeada cara a dereita. En canto ao reverso, reproduce unha imaxe da Piedade, coa virxe vestida con manto e túnica sostendo a Cristo sen vida.

O cruceiro atópase situado á beira da estrada que discorre polo núcleo de Cerneira, nun alto ao que se accede por medio dunha escalinata lateral. Tallado en pedra de cantería, está asentado sobre unha base de planta octogonal composta por cinco escadas. Esta base, o capitel e outras partes do cruceiro atopábanse encintadas con cemento, un material que agora está a ser retirado, ao igual que outros empregados no arranxo de finais dos anos 50. Por exemplo, elementos de ferro que provocaron oxidación.

Os traballos, que priorizan a conservación sobre a restauración, deron comezo o pasado domingo e corren a cargo dun equipo multidisciplinar integrado polo restaurador e historiador de arte Luis Enrique Rodríguez Arias, o canteiro David Soengas e Ana María Sánchez Calzada como directora de obra.

As tarefas a desenvolver seguen criterios coma o respecto pola obra orixinal, mínima intervención e o emprego de materiais estables e compatibles co orixinal. Os expertos desmontaron a parte escultórica do cruceiro para retirar, de forma manual con ciceis e punteiros, o cemento que recubría algunhas zonas. Tamén se están a revisar as unións entre pezas, que estaban feitas con cinchas e cravos de ferro que se atopan oxidados. En substitución destes colocarase unha nova vara central que reforce a unión, un proceso que é “complexo posto que este é un cruceiro alto e delgado e a parte escultórica é bastante pesada”, indica Luis Enrique Rodríguez.

Na base tamén se levou a cabo un traballo de eliminación dos encintados de cemento para, posteriormente, aplicar áridos libres de sales, máis adecuados para este tipo de elementos patrimoniais.

Para completar a actuación, realizaranse tarefas de limpeza da superficie da pedra, co obxectivo de desincrustar a capa biolóxica formada por microorganismos coma liques e musgos.

As obras están subvencionadas pola Deputación Provincial de Pontevedra.

ObrasCruceiroCerneira2 ObrasCruceiroCerneira3

ObrasCruceiroCerneira6

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver