- A mostra, que pode verse na planta baixa da Casa Consistorial, reflexa como a figura e a imaxe de Carolina Otero permanecen na sociedade actual
- “Estamos orgullosos de que a Bella Otero nacera en Valga, a súa relevancia é indiscutible”, dixo a alcalde
Valga, 10 de abril de 2018.
O Concello rendeu homenaxe esta mañá á valguesa máis internacional, a Bella Otero, con motivo do 53 aniversario do seu falecemento.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Cultura, Mari Carmen Castiñeiras, inauguraron a exposición “A Bella Otero – 150 anos na memoria”, que pode verse na planta baixa da Casa Consistorial e que trata de transmitir a imaxe de Carolina Otero que permanece na sociedade actual. A Bella Otero segue a ser noticia, segue a protagonizar lembranzas, é modelo a seguir e símbolo publicitario pasados 150 anos do seu nacemento. A súa figura segue viva, tanto en Valga como nacional e internacionalmente, dando nome a rúas, a establecementos de hostalería ou perruquerías, por citar só uns exemplos.
A mostra quere, precisamente, reflexar a pegada deixada pola Bella Otero, a muller morena con ollos de misterio e a alma chea de pena que pintou Julio Romero de Torres e á que despois cantou Manolo Escobar na canción “La morena de mi copla”. A estrela do Folies Bergère parisino segue a ser imaxe dos produtos máis diversos, como un perfume francés que se define como igual de picaresco que a vida da Bella Otero. Aínda está á venda por 98 euros, porque Carolina Otero é hoxe sinónimo de glamour, un icono para a moda e, en definitiva, unha figura que pervive na memoria colectiva.
Un técnico do Museo da Historia explicou os contidos da exposición aos participantes no acto, entre os que se atopaban as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro e tamén Rosa Crespo e Jaime Escofet, que no ano 2000 deron orixe e rexistraron a variedade de camelia “Bella Otero”, unha flor de cor rosa forte. Un exemplar atópase ao lado da estatua da Bella Otero que hai no Parque Irmáns Dios Mosquera, a onde se dirixiron despois os participantes na homenaxe para realizar unha ofrenda floral.
Durante os actos o alcalde afirmou que “a relevancia da Bella Otero é indiscutible” e lembrou que hai non moitos anos, falar sobre a bailarina en Valga “non estaba moi ben visto, sobre todo entre a xente máis maior. Daba vergoña”. Sen embargo, “este equipo de goberno non tivo dúbidas e traballou por recuperar a súa figura e a súa vida, que hoxe en día están plenamente asumidas. Estamos orgullosos de que a Bella Otero nacera en Valga”.
O rexedor fixo fincapé en que unha das rúas que levan o nome da artista está en Valga. “Cambiámoslle o nome de Primo de Rivera polo da Bella Otero, un troco moi significativo”, incidiu. Tamén relatou algunhas anécdotas da viaxe que hai anos fixeron a Francia o propio alcalde a concelleira de Cultura, para coñecer máis de preto os últimos anos de vida de Carolina Otero. “Visitamos o cemiterio de Niza onde está enterrada e tamén o hotel onde pasou os seus últimos anos e que, segundo contan, era pagado polo Casino de Montecarlo”. Tamén se achegaron ao Moulin Rouge e, “ao saber que estaba alí o alcalde do pobo onde nacera a Bella Otero, convidáronnos a unha copa de champán”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura destacou a incrible traxectoria de Carolina Otero: “de onde saiu e a onde chegou grazas ao seu carácter loitador e valente”.
Máis fotos do acto: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.234744080407386.1073741972.131969484018180&type=1&l=d84d07c710