Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O libro “Entre aparicións, promesas e romarías” foi publicado polo Concello coa colaboración da Xunta e da Deputación

- A finais de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento de Ferro Couselo, daranse a coñecer os gañadores da edición vixésimo cuarta

LibroAnxoFernandez1

Valga, 22 de xuño de 2023.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, presentaron esta mañá no Museo da Historia o libro gañador do Premio Xesús Ferro Couselo 2022, unha investigación sobre tradicións relixiosas e romerías galegas da autoría do historiador Anxo Rodríguez Lemos (Baiona, 1994). “Entre aparicións, promesas e romarías: a relixiosidade nos santuarios galegos da Idade Moderna (séculos XVII – XIX)” é o título da obra, de 292 páxinas e que conta cun renovado deseño de portada para facela máis atractiva.

O gañador da XVIII edición do certame estivo acompañado polo profesor Domingo González, que foi membro do tribunal avaliador da súa tese de doutoramento, da que Anxo Rodríguez fixo unha adaptación para concorrer ao Ferro Couselo. Tamén asistiu ao acto Ana Sixto Barcia, que en 2011 foi vencedora deste premio co traballo “Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla (séculos XVIII a XIX).

Rodríguez Lemos, licenciado en Historia e Doutor “Cum Laude” pola Universidade de Santiago, fixo unha escolla dos apartados e aspectos máis divulgativos da súa tese para chegar con este traballo “á xente do común”, tratando de recrear a visita dun romeiro a algún dos santuarios galegos que estaban en auxe na Idade Moderna. A obra móvese entre a antropoloxía e a historia, mesturando ambas disciplinas “para chegar a comprender algunhas prácticas que, nalgúns casos, se conservaron ata os nosos días. Un exemplo son os exvotos de cera que hoxe en día aínda son moi comúns en Galicia”.

No libro, publicado polo Concello coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e da Deputación de Pontevedra, explícanse cuestións coma as lendas de fundación dos templos relixiosos, que se atopan tanto na tradición oral coma en algunhas obras literarias. Tamén se abordan as peregrinacións e o sometemento ao sagrado, analizando algunhas das promesas que os devotos facían as santos e que moitas veces se materializaban nos citados exvotos. “Neste punto, quixen darlle importancia ao Santuario da Virxe da Escravitude (Padrón)”, xa que era o punto de referencia para a zona de Valga. Anxo Rodríguez refírese no libro a este templo coma “O amparo da Ulla” e destaca que nel se conserva dende 1919 unha importante colección de exvotos pictóricos, entre eles un correspondente a un mozo da parroquia de Xanza, de nome Benito Pardal, que sufría unha grave enfermidade e levou consigo un par de bois e un carro a medio uso como ofrenda á Virxe. Para recuperalos, a súa familia pagou por eles 700 reais.

Os últimos apartados están centrados na festividade e en tradicións coma as procesións, os adornos florais, as danzas, desfiles de xigantes e cabezudos ou as loitas de mouros contra cristiáns, entre outras. Faise “unha análise económica que permite ver como evolucionaron estas festas dende o século XVIII ata o XIX, cando irromperon as bandas de músicas e as grandes tiradas de fogos de artificio”.

Anxo Rodríguez destacou a reputación coa que conta o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo a nivel autonómico. “É un certame consolidado e recoñecido tanto pola contía do mesmo, que é valiosa, pero sobre todo pola posibilidade que ofrece aos investigadores de publicar os nosos traballos, que é unha forma de velos materializados”.

O alcalde e o concelleiro de Cultura incidiron nesta cuestión, ao sinalar “o arraigo” co que conta o Premio en homenaxe a quen é Fillo Predilecto de Valga. “A traxectoria é salientable, dende que se convocou por vez primeira en 1996, ano no que se dedicou o Día das Letras Galegas a Ferro Couselo”.

A finais de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo, daranse a coñecer os gañadores da edición vixésimo cuarta, á que se presentaron un total de sete traballos.

LibroAnxoFernandez2

Volver