- O acto tivo lugar onte no Auditorio Municipal coa asistencia de familiares e achegados dos estudantes
- Esta tarde celébrase o festival de fin de curso do CEP Xesús Ferro Couselo
Valga, 21 de xuño de 2023.
O colexio Baño-Xanza celebrou onte a graduación do alumnado que hoxe mesmo rematou 6º curso de Primaria e que, o vindeiro curso, iniciará unha nova etapa educativa no instituto. O acto tivo lugar no Auditorio Municipal coa asistencia de profesores, familias e achegados dos 39 alumnos protagonistas.
As mestras Rebeca Santos e Eva Zumalave, que tamén é directora do centro, exerceron de presentadoras desta gala de despedida, na que non faltou a emoción pero tamén a satisfacción dos estudantes, as súas familias e docentes de ver cumprido este ciclo.
Durante o acto proxectáronse vídeos gravados polos alumnos e tamén polos seus mestres recordando os bos momentos que viviron xuntos nos últimos anos e que non só serviron aos estudantes para aprender matemáticas, lingua ou ciencias naturais, entre outras materias, senón que tamén lles permitiron adquirir valores.
Os homenaxeados recibiron cadansúa banda na que se destacaban as súas principais cualidades –votadas polos seus propios compañeiros– e un agasallo para lembrar a súa etapa no centro. E tamén houbo sorpresas en forma de flores para as mestras titoras.
As actividades con motivo do fin de curso continúan durante toda a semana Auditorio, esta tarde co festival do CEP Xesús Ferro Couselo. Mañá celébrase a graduación do IES de Valga e o venres a festa da Escola Infantil Municipal.