- Teñen como obxectivo reforzar as capacidades da mocidade en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas
- A inscrición xa está aberta a través da web da Rede CeMIT ou presencialmente no Auditorio
Valga, 19 de xuño de 2023.
A Aula CeMIT de Valga, situada no Auditorio Municipal, acollerá este verán obradoiros tecnolóxicos dirixidos a nenos e mozos de entre 8 e 15 anos e organizados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática.
Serán dúas as sesións prácticas de experimentación tecnolóxica as que se impartan en Valga, no marco do programa Girl Steam, que ten como obxectivo espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidadeo e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros prácticos nos que aprender e experimentar.
Os talleres terán lugar durante o mes de agosto, pero a inscrición xa está aberta tanto na páxina web da Rede Cemit coma presencialmente na Aula do Auditorio. O día 17 de agosto terá lugar unha actividade dirixida a rapaces de entre 8 e 11 anos na que os participantes elaborarán unha peza audiovisual en formato 'stop motion’. Partirase dun circuíto de luces led elaborado polo propio grupo e que servirá de base para crear o guión e construír a historia con fotogramas, que será editada para a presentación final do traballo.
A xornada do 25 de agosto celebrarase o segundo obradoiro, para mozos de 12 a 15 anos que poderán experimentar coa creación de tecidos intelixentes. Os participantes aprenderán a programar sensores para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación, etc.