Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os trece concelleiros elixidos nos comicios do 28 de maio tomaron posesión nun Pleno extraordinario celebrado este mediodía

- Catro edís estréanse como membros da Corporación municipal: Álvaro Fernández (PP), Javier Carballo de Jesús (PSOE), Francisco Devesa e Miguel Lois (BNG)

Investidura23 1

Valga, 17 de xuño de 2023.

José María Bello Maneiro foi reelixido este mediodía como alcalde de Valga por novena lexislatura consecutiva, no transcurso do Pleno extraordinario no que se constituíu a nova Corporación municipal para o período 2023-2027.

Ao comezo da sesión constituíuse unha mesa de idade da que formaron parte os edís electos de maior e menor idade, José María Bello Maneiro e Javier Carballo de Jesús, aos que acompañou o secretario municipal. Esta mesa presidiu a toma de posesión dos trece concelleiros que resultaron elixidos nos comicios locais do pasado 28 de maio. A nova Corporación queda integrada por:

-  José María Bello Maneiro (PP)

-  Román Castro Castromán (PP)

-  Carmen Gómez Pardal (PP)

-  María Magdalena Isorna Sumay (PP)

-  Pedro Calvo Blanco (PP)

-  Agustina Begoña Piñeiro Busto (PP)

-  José Ángel Souto Jamardo (PP)

-  Álvaro Fernández Abalo (PP)

-  Manuel Ferreiro Maneiro (PP)

-  María Ferreirós Magariños (PSOE)

-  Javier Carballo de Jesús (PSOE)

-   Francisco Ramón Devesa Senín (BNG)

-  Miguel Lois Barreiro (BNG)

A continuación procedeuse á votación, a man alzada, do alcalde, resultando elixido con nove votos José María Bello Maneiro, que recibiu o bastón de mando e pronunciou o primeiro discurso do seu novo mandato:

“En primeiro lugar quero dar os parabéns a todos os que fostes elixidos concelleiros nas eleccións do pasado 28 de maio, en especial aos que vos incorporades por primeira vez á Corporación Municipal, pola honra que supón representar a Valga e aos seus veciños e traballar polo seu benestar.

Fai máis de 32 anos que nos presentamos por primeira vez ante este Pleno para solicitar á Corporación a súa confianza e que me investira alcalde, unha das maiores responsabilidades que se pode ter como valgués, pero tamén unha das maiores satisfaccións. Máis de tres décadas despois, Valga é un pobo completamente diferente, con servizos e infraestruturas que son envexados por outros e que son un exemplo do que se pode facer pola comunidade.

Estes avances son tamén respaldados polos veciños, que cada catro anos veñen confiando aplastantemente neste equipo de goberno, no seu traballo e na súa xestión. A todos eles dámoslles as grazas polo seu respaldo e polo seu apoio que nos serve de estímulo para seguir traballando e mellorando as súas condicións de vida.

Pero non nos conformamos co conseguido ata o de agora. Seguiremos traballando con responsabilidade, dedicación e seriedade para que nesta nova etapa que hoxe iniciamos se fagan realidade os feitos de futuro, novos proxectos e investimentos que permitan que o noso pobo siga avanzando. Ese é o compromiso que adquirimos cos veciños e o obxectivo que, como equipo, nos marcamos para esta lexislatura.

Cando en 1991 iniciamos a nosa andaina á fronte deste Concello, fixémolo baixo o lema “Garantía de futuro”, que naquel momento significou asfaltar as pistas que eran de terra ou instalación do alumeado público, que eran as prioridades para os veciños. En cada lexislatura, paso a paso, fomos acadando avances en todos os ámbitos, novas dotacións e melloras nos eidos cultura, educativo, sanitario, deportivo... Chegouse a practicamente o 100% da poboación cos servizos de abastecemento e saneamento.

Os máis mozos non o lembran, pero hai anos tiñamos que ir a Padrón a estudar Bacharelato. Actualmente, os nosos nenos e mozos poden formarse en Valga dende os 0 anos ata a Universidade, algo impensable hai unhas décadas.

O mesmo sucedía co médico, que tiñamos que ir a Pontecesures. Hoxe tempos un Centro de Saúde e un PAC 24 horas con todos os servizos, aínda que sempre se poden mellorar.

Os veciños valoran o traballo feito e todo o conseguido, e así o demostran cada catro anos nas urnas, como o fixeron o pasado 28 de maio.

Agora afrontamos un novo reto coa experiencia que nos dan os últimos 32 anos de goberno, sendo ambiciosos, tratando de aproveitar todas as oportunidades que se abran para Valga ante outras administracións e organismos públicos e, ante todo, defendendo os intereses dos valgueses alá onde faga falta e por enriba de calquera outra cousa.

Esperamos contar neste cometido coa colaboración dos grupos da oposición e, entre todos, conseguir que esta sexa unha lexislatura na que se impoñan o respecto persoal e a defensa do interese xeral. As portas da Alcaldía estarán abertas, como sempre o estiveron, para tratar asuntos positivos para os nosos veciños e para traballar xuntos en prol do seu benestar. Todas as iniciativas que representen melloras na calidade de vida dos nosos veciños, serán escoitadas. Pero para as propostas políticas, non contedes con nós.

Agardo que saibamos estar á altura do que os valgueses demandan de nós e que todos aproveitemos esta oportunidade que nos deron os votantes para mellorar o noso pobo, e non para a confrontación e as disputas estériles.

Pola miña parte e a do meu equipo, gañas, esforzo e traballo non van faltar.

Grazas a todos.

Viva Valga!”.

Investidura23 2 Investidura23 3

Investidura23 4 Investidura23 5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver