- Os nenos de 4 a 11 anos poden inscribirse nas actividades educativas e de ocio e os de 12 a 16 anos nos xogos deportivos
- As solicitudes deben presentarse nas oficinas municipais ata o día 27 de xuño
Valga, 14 de xuño de 2022.
O Concello organiza durante o período estival actividades gratuítas para favorecer a conciliación familiar coincidindo coas vacacións nas escolas. Son dúas as opcións que se ofrecen para tentar abarcar unha franxa de idade o máis ampla posible que facilite a organización dos pais e familias valguesas. Por unha parte, a xa habitual Escola de Verán, dirixida a nenos de 4 a 11 anos; e por outra un Campus Deportivo, para rapaces de entre 12 e 16 anos. En calquera dos dous casos é requisito obrigatorio que estean empadroados en Valga.
A Escola de Verán será un espazo lúdico-formativo no que se fomentarán valores coma a igualdade de xénero, o respecto medioambiental, a cooperación e traballo en equipo… Entre as actividades nas que participarán os cativos inscritos haberá obradoiros, animación á lectura, baile, contacontos, sesións de cine, xogos e deportes. Desenvolveranse no recinto do colexio Baño-Xanza de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas (agás festivos).
O Campus Deportivo realizarase en Vilarello, tamén de 9:00 a 14:00 horas. Fútbol, baloncesto, tenis, sendeirismo, carreiras de orientación ou atletismo serán algunhas das disciplinas que practicarán os rapaces.
Establécense dúas quendas, unha en xullo e outra en agosto, e en cada unha delas o límite máximo será de 30 inscritos. O prazo para anotarse estará aberto ata o día 27 de xuño ás 14:00 horas nas oficinas municipais. O formulario a cubrir pode descargarse na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes), ou recollerse en papel no Concello.
Xunto coa folla de inscrición é preciso presentar a seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI da persoa solicitante
- Fotocopia da tarxeta sanitaria do menor
- Xustificante de monoparentalidade, de ser o caso
- Tarxeta de desemprego, de ser o caso
- Copia da sentencia de separación/divorcio, de ser o caso
- Acreditación de cargas familiares, de ser o caso
- Sentencia e/ou informe de condición de vítima de violencia de xénero, de ser o caso
En caso de que haxa máis solicitudes que prazas teranse en conta criterios coma familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, unidades familias con cargas relacionadas cos coidados ou nivel de renda, entre outros.
O listado de admitidos publicarase, unha vez rematado o prazo de inscrición, na páxina web e redes sociais do Concello e no taboleiro de anuncios.