Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou na presentación desta edición na Semana Verde de Silleda

- Dende xuño a outubro realizaranse vinte camiñadas co río Ulla como protagonista 

IMG 20230609 213716

Valga, 10 de xuño de 2023.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, participou na presentación, na feira Semana Verde de Silleda, da edición 2023 do programa de camiñadas "Goza do Ulla",  un proxecto co que os vinte concellos bañados polas augas deste río promocionan o turismo fluvial e de natureza e poñen en valor o valioso patrimonio natural e cultural existente ao longo dos 130 quilómetros de cauce, dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.

Valga participa este ano coa ruta "O Ulla, entre telleiras e outros comercios", de 16 quilómetros de lonxitude e dificultade baixa. Será un percorrido circular con saída e chegada na Miña Mercedes. A data elixida para a camiñada é o 28 de outubro.

Está ruta discorrerá pola parte máis baixa do concello, polas parroquias de Campaña e Cordeiro, visitando lugares moi vencellados ao río, coma o embarcadoiro de Santa Cristina, emprazado no lugar no que se atopaba o antigo porto de carga e descarga da empresa Novo y Sierra, á súa vez relacionado coa liña de vagonetas aéreas na que se transportaban materias primas e produtos cerámicos.  

O percorrido continuará polas telleiras de Roeiro e Padín, nas que o Concello vén de realizar unha actuación para frear o seu deterioro e garantir a conservación das estruturas que ainda se manteñen en pé á beira do Ulla. 

Outros dos elementos patrimoniais que visitarán os caminantes serán a capela de San Paio de Vilar e a igrexa de Santa Comba de Cordeiro, así como a Mina Porto Piñeiro, que está a ser obxecto dunha actuación de recuperación natural.

FB IMG 1686374886066

Volver