- O goberno local transmítelle os parabéns por este novo recoñecemento
Valga, 6 de abril de 2018.
O músico e compositor valgués Manu Conde foi galardoado pola Asociación de Músicos Compositores e Autores nos medios (Musicaem) co Premio Apolo á mellor sintonía dunha serie de televisión por “Serramoura”, que se emite na Televisión de Galicia. A gala de entrega da segunda edición dos premios celebrouse onte na sede sa SGAE, en Madrid.
Estes galardóns de carácter anual teñen como obxectivo resaltar a importancia da música na producións televisivas. As categorías premiadas foron mellor sintonía de informativos, de magazine, de programas deportivos, fondo musical, fondo de serie, identidade de canal e sintonía de serie, categoría na que Manu Conde competía coas músicas doutras dúas series de emisión nacional, como El Príncipe e El Caso.
O goberno local transmítelle, en nome de todos os veciños de Valga, os parabéns a Manu Conde por este novo recoñecemento á súa traxectoria musical e a súa aportación ao mundo da cultura, destacando o orgullo que supón para os valgueses que compuxera a música do Himno Municipal.
Catro veces nominado aos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, Manu Conde integra dende o ano 2000 emblemático grupo Milladoiro, co que ten recibido a Medalla Castelao en 2004 e a Medalla de Galicia, entre outros e non menos importantes galardóns.