- Tamén estiveron na empresa Martínez Otero, de A Estrada
- No obradoiro participan vinte desempregados de Valga e Moraña, que reciben formación teórica e realizan obras de utilidade pública
Valga, 9 de novembro de 2022.
Os dez alumnos da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI, que comparten os concellos de Valga e Moraña, participaron nunha visita formativa á fábrica de Finsa en Padrón e á empresa Martinez Otero, na Estrada. Estiveron acompañados por un docente do módulo,a administrativa, a titora e a directora do Obradoiro.
Durante a visita guiada a ambas factorías, os aprendices coñeceron o proceso de fabricación de varios tipos de taboleiros de madeira e as diferentes solucións construtivas adaptadas ás necesidades de cada cliente. Por exemplo, puideron comprobar como se fabrica madeira que empregan os traballos prácticos que están a realizar, coma a colocación do novo falso teito no local social de Setecoros ou a renovación da varanda do auditorio ao aire libre da praia fluvial de Vilarello.
Ademais, puideron ver a fabricación de diferentes tipos de mobiliario.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI deu comezo en outubro de 2022 e prolongarase ata setembro coa participación de dez desempregados de Moraña e outros tantos de Valga. Os vinte alumnos, once mulleres e nove homes, estanse a formar nas especialidades de forestais e carpintería ao tempo que perciben o salario mínimo interprofesional. A Xunta de Galicia aporta 504.000 euros para financiar esta acción formativa, mentres que os concellos de Valga e Moraña sufragan os materiais para as obras que executan os alumnos.