- Os proxectos de acondicionamento de parques, fontes, lavadoiros e outros espazos son promovidos por veciños de diferentes aldeas e tamén por centros educativos
- O Concello aporta os materiais para executar as actuacións e outorgará gratificacións de 300, 200 e 100 euros aos participantes
Valga, 8 de xuño de 2023.
Un total de dezanove colectivos e comisións veciñas participan este ano no concurso “Embelecer Valga” cos seus proxectos de mellora e acondicionamento de espazos e dotacións públicas, co obxectivo de ser proclamados coma o lugar máis fermoso.
Os inscritos e os seus respectivos proxectos son:
- Balleas: Acondicionamento do parque
- Barcia: Mantemento do parque
- Barro: Melloras no local social e mantemento do parque
- Beiro: Mantemento do parque e do lavadoiro
- Campaña (Igrexa): mantemento da contorna da igrexa
- Canle: Acondicionamento do parque
- Carballiño: Adecentamento do parque do Quinteiro
- CEIP Baño-Xanza: Remodelación da biblioteca e melloras no patio
- CODI: Actuacións de mellora no centro
- CRA de Valga: Arranxo de espazos exteriores das escolas
- Eiras: Melloras no lavadoiro
- Escola Infantil Municipal: Melloras no patio exterior
- Ferreirós: Acondicionamento de talude na estrada PO-190
- Ferreirós: Melloras no parque
- A Medela: Acondicionamento de fonte e lavadoiro e da súa contorna
- Raxoi: Melloras no lavadoiro
- Reguengo: Melloras no lavadoiro
- Vilar: Traballos de mantemento e acondicionamento no parque, no Campo Labeiro e no Miradoiro da Perdiz
- Vilarello: Mantemento da casa veciñal e da súa contorna, do parque e dos lavadoiros do lugar
Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopa o lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello aportará o material para a execución das obras, que terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando terá lugar a visita do xurado.
O tribunal avaliador estará composto por tres membros do goberno municipal e un representante de cada comisión participante. Valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo. Ademais, outorgarase un premio especial de 150 euros á comisión que mellor mantivo o estado do seu lugar, de entre os participantes da última edición.
Os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Este certame, que anualmente é convocado polo Concello, pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.