- Atópase na planta soto do edificio municipal, compartindo espazo coa Aula CeMIT
- A formación é flexible, adaptándose aos horarios e necesidades de cada persoa, e con titorías personalizadas
Valga, 2 de xullo de 2023.
O Auditorio Municipal acolle un novo servizo de formación a distancia a través do programa Aula Mentor, que ofrece un catálogo de máis de 200 cursos dirixidos a persoas maiores de 18 anos para a mellora das competencias básicas e a promoción da aprendizaxe. O Concello contou cunha subvención do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a posta en marcha da aula, situada na planta soto do Auditorio, compartindo local coa Aula CeMIT.
A Aula Mentor dispón dunha persoa administradora, que asesorará aos interesados sobre os contidos dos cursos ou sobre os trámites de matriculación. Ofrece formación online non regrada e con titorías personalizadas, orientada á mellora das competencias persoais e profesionais que permiten reforzar as posibilidades de empregabilidade, promovendo ademais a cultura e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
A matrícula está permanentemente aberta e os cursos, referenciados ao catálogo nacional de cualificacións profesionais, teñen unha duración de entre dous e tres meses, se ben isto dependerá do tempo e dedicación de cada persoa, tendo en conta que se trata de formación flexible que cada estudante pode adaptar aos seus horarios e necesidades.
A oferta abrangue diferentes áreas formativas e profesionais coma emprendemento, electricidade e electrónica, administración e xestión, idiomas, hostalería e turismo, agraria, deseño e artes gráficas, comercio, imaxe e son, industrias alimentarias, informática e telecomunicacións, madeira e moble, sanidade, seguridade, servicios socioculturais, téxtil ou cerámica, entre outras.
A formación é avaliable con exames que se realizarán na aula física e que dan dereito a un certificado emitido polo Ministerio de Educación.