Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O goberno local fai un chamamento á poboación para que separe correctamente os residuos e os deposite nos colectores ou no Punto Limpo

- Estanse a detectar vertidos irregulares de lixo en diferentes puntos do municipio, actos que causan prexuízos ambientais e económicos

Escombro1

Valga, 31 de maio de 2023.

Que Valga sexa un pobo limpo e no que funcione axeitadamente a recollida selectiva require da colaboración de toda a poboación. O Concello fai un chamamento á poboación e pide a súa para que isto sexa así e para que a imaxe do municipio non quede deslucida e ensuciada pola irresponsabilidade duns poucos.

Nos últimos tempos estanse a detectar, de forma reiterada, determinados comportamentos e accións que son contrarias ás boas prácticas e que supoñen unha eiva para o funcionamento eficiente do sistema de recollida de residuos implantado en Valga. Lixo tirado fóra dos contedores, vertidos en zonas forestais ou incluso na propia rúa, residuos que se deixan ás portas do Punto Limpo, mala utilización dos distintos colectores... Son accións que, ademais de ser contrarias á lei, causan importantes prexuízos medioambientais e económicos e deslocen o esforzo realizado pola meirande parte dos veciños que si cumpren as normas e separan correctamente o lixo para favorecer a súa reciclaxe.

Por exemplo, esta mesma semana, apareceron tirados ás portas do Punto Limpo unha neveira e un colchón. Ademais, veciños da zona de Baño denunciaron ante o Concello un vertido de escombro e restos de mobles de madeira. A lei 7/2022 de Residuos e Solos contaminados para unha economía circular considera este tipo de prácticas coma unha infracción administrativa que pode levar aparelladas sancións a partir de 2.000 euros, chegando incluso a 600.000 se a falta se considera grave e se trata de substancias perigosas.

Estes residuos teñen que entregarse no Punto Limpo dentro do seu horario de apertura: os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00 horas. Os veciños empadroados en Valga poden facelo de xeito gratuíto, mentres que as persoas non empadroadas poden depositar escombro abonando a taxa correspondente (15 euros a tonelada se é escombro limpo ou 25 euros se está mesturado con outros residuos).

Lémbrase á poboación que no Punto Limpo existen cámaras de vixilancia coas que, por exemplo, se puideron identificar ás persoas que abandonaron tanto a neveira coma o colchón nestes últimos días.

Para tratar de rematar con estas prácticas incorrectas, técnicos municipais percorrerán as distintas parroquias de Valga para detectar este tipo de vertidos e concienciar á poboación sobre a importancia de cumprir as normas ambientais, para que poidamos ter un pobo limpo.

O goberno municipal agradece o bo facer da meirande parte da veciñanza que si separa e deposita correctamente o lixo e lamenta que a actitude incívica dunha minoría estea a causar problemas no sistema de recollida.

LixoPuntoLimpo

Volver