Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras gañadoras daranse a coñecer a finais de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento do historiador valgués

- O certame, convocado polo Concello dende 1996, trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

premioferrocouselo

Valga, 30 de maio de 2023.

Un total de sete traballos optan a gañar a XXIV edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo nas súas dúas modalidades.

Son tres as investigacións que se presentaron, dentro do prazo establecido, á primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego nas especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron catro traballos. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

Os gañadores do premio daranse a coñecer o día 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. Previamente reunirase o xurado, que estará constituído por especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría.

Este certame busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

Na última edición, o gañador foi Anxo Rodríguez Lemos co traballo “Entre aparicións, promesas e romarías: a relixiosidade nos santuarios galegos da Idade Moderna (séculos XVII – XIX)”.

Volver