Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Construirase un paso superior e darase continuidade aos camiños de enlace paralelos á vía para garantir a conexión entre ambas marxes

- Bello Maneiro destaca que “no primeiro día do novo mandato seguirmos traballando e o noso próximo obxectivo é conseguir que o tren pare en Valga”

PasoNivelCastiñeiras

Valga, 29 de maio de 2023.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) sacou hoxe a licitación o proxecto de supresión dous pasos a nivel na vía do tren, ao seu paso pola parroquia de Cordeiro. Estes pasos corresponden aos cruces cos camiños de Carracido e de Castiñeiras, ambos de titularidade municipal. Atópanse nos puntos quilométricos 15/466 e 14/364 da liña entre Vilagarcía de Arousa e a bifurcación de Angueira, e o de Castiñeiras está actualmente dotado de proteccións de Clase P (sinalización horizontal e vertical) e Clase A3 (semibarreiras automáticas).

As actuacións, valoradas en total en 4 millóns de euros, permitirán incrementar as condicións de seguridade das infraestruturas de transporte, tanto para o tráfico viario e peonil coma para o ferroviario.

As obras de eliminación dos pasos licítanse por 3.867.518’14 euros. Estas consistirán na construción dun paso superior que permitirá cruzar as vías e garantirá a conexión entre ambas marxes e a accesibilidade para os propietarios de terreos e veciños en xeral. Esta ponte deséñase cun gálibo vertical de 7 metros, conformado por tres vans. Terá dous carrís de 3 metros de ancho, un por sentido de circulación, e dúas beiravías exteriores de 0’50 metros. Adosadas a estas, senllas bandas de 1’80 metros nas que se instalarán un muro de protección, as beirarrúas, unha varanda e valla antivandálica.

Ademais, darase continuidade aos camiños de enlace paralelos á vía ferroviaria entre los lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros.

Ademais das obras, o proxecto contempla outros gastos coma 134.522’37 euros de vixilancia con persoal propio do ADIF; 67.261’18 euros de traballos de conservación e enriquecemento do patrimonio; e 5.345’78 euros de servizos. En total, o investimento será de 4.074.647’47 euros.

As obras serán financiadas integramente polo ADIF, mentres que o concello asumirá o custo da expropiación dos terreos necesarios –valorado en 208.812 euros–, así coma o mantemento e conservación dos elementos construídos (paso superior, sistemas de drenaxe e camiños de enlace).

O alcalde, José María Bello Maneiro, amosa a súa satisfacción porque “no primeiro día desta nova lexislatura as xestións realizadas polo equipo de goberno ante o Ministerio de Transportes dean xa froitos e poidamos ver resultados que xa son unha realidade. Este goberno segue traballando, non para, e o próximo obxectivo é conseguir que o tren pare en Valga”. Neste sentido, o rexedor lembra que o Concello ten en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para que se constrúa en Valga un apeadoiro ferroviario. As persoas que queiran contribuír poden asinar as follas dispostas ao efecto tanto na Casa do Concello coma no Auditorio Municipal.

Volver