Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Empregouse madeira de bambú tratada e tamén se substituíron as cordaxes da infraestrutura para maior seguridade

- Nesta área de lecer tamén se está a mellorar a varanda de madeira do auditorio ao aire libre

NovoPisoPantalán1

Valga, 26 de maio de 2023.

Persoal municipal executou nas últimas semanas traballos de renovación no pantalán da área fluvial de Vilarello, que se atopaba deteriorado polo paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o uso durante anos. As melloras que se levaron a cabo consistiron na colocación dun novo piso de madeira que outorga maior estabilidade e seguridade á infraestrutura fluvial.

Retiráronse todas as táboas que conformaban o pavimento anterior e substituíronse por outras novas de bambú tratado termicamente en alta presión. Os diferentes módulos están unidos á base do pantalán con parafusos ocultos. Este novo piso colocouse en toda a pasarela de acceso e tamén na estrutura flotante. Tan só se variou o tipo de madeira na zona exterior do pantalán, para a que utilizou madeira de pino tratada en autoclave. Esta é máis branda polo que se evitarán danos nas embarcacións que se aproximen á instalación para atracar en Vilarello.

Os traballos completáronse coa renovación da cordaxe da varanda, para garantir a seguridade dos usuarios.

Tamén na área lúdica de Vilarello se están a realizar traballos de mellora da varanda do auditorio ao aire libre. Ao igual que no pantalán, atópase deteriorada pola súa lonxevidade e uso. Neste caso son os aprendices do módulo de carpintería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI os que están a realizar as obras, consistentes na retirada dos vellos listóns de madeira para despois colocar outros novos.

NovoPisoPantalán2 NovoPisoPantalán3

RenovaciónVarandaVilarello

Volver