- O proxecto executarase nunha parcela de 3.065 metros cadrados do campo de fútbol vello que o Concello cedeu á Xunta
- As instalacións darán cabida a persoal e medios do dispositivo de loita contra os lumes e outros servizos forestais
Valga, 26 de maio de 2023.
Persoal técnico da empresa Galaicontrol desprazouse onte a Valga para iniciar os traballos do estudo xeotécnico dos terreos nos que se emprazará a futura base de prevención e extinción de incendios forestais, nunha parcela de 3.065 metros cadrados do campo de fútbol vello de Baño que o Concello, mediante acordo plenario, cedeu á Consellería do Medio Rural para a execución destas instalacións, que darán cabida a medios para a loita contra os lumes e outros servizos forestais.
Empregando diferente maquinaria, como unha sonda e unha máquina de penetración dinámica continua, realizáronse ensaios para comprobar a resistencia do terreo, información que axudará a definir o tipo de cimentación que será necesaria para o edificio que albergará a Base de Unidade Operativa (BUO). Os datos e as mostras extraídas sobre o terreo serán analizadas por unha xeóloga e tamén permitirán determinar se existen auga ou outros elementos no subsolo que poidan ser relevantes para o proceso de construción.
A Base de Unidade Operativa que se erixirá no vello campo de Baño servirá para acoller e persoal e medios do dispositivo de loita contra os incendios da Consellería do Medio Rural e tamén outros servizos relacionados co sector do monte. Terá unha vocación supramunicipal e funcionará como un nodo no que confluirán todos os actores implicados nas tarefas de protección forestal, co obxectivo de favorecer a prevención, a detección, intervención rápida e defensa contra os lumes.
A edificación adaptarase á contorna e será executada en madeiras locais de piñeiro e castiñeiro, demostrando o potencial da industria forestal galega e na procura da sostibilidade.