- Inscribíronse 116 equipos de toda Galicia e a organización agarda superar os 4.400 asistentes do pasado ano
- Os usuarios do CODI realizaron os trofeos de cerámica e madeira cos que se premiará aos gañadores
Valga, 25 de maio de 2023.
O Cordeiro C.F. dá comezo esta fin de semana á sétima edición do Torneo de Fútbol Base, no que participarán un total de 112 equipos de toda Galicia de categorías comprendidas entre biberón e xuvenil.
O campo municipal de Baño será o escenario no que se desenvolvan os encontros, que arrancarán o sábado a partir das 9:00 horas. Nesta primeira xornada participarán os rapaces de categoría cadete e o domingo os infantís. O día 3 de xuño será o turno dos benxamíns, e o 10 e 11 de xuño participarán equipos alevíns e prebenxamíns. O torneo remata na fin de semana do 17 e 18 de xuño coa disputa dos partidos de categorías xuvenil e biberón.
Están inscritos 16 equipos por categoría e un total de 1.568 xogadores. Dende a directiva do Cordeiro C.F. agardan superar as 4.400 persoas asistentes do ano pasado.
O Concello colabora neste evento deportivo cedendo as instalacións municipais e aportando, ademais, as medallas e trofeos. Estes últimos deseñados e elaborados para a ocasión polos usuarios do CODI e a artista Ángeles Garrido, que fixeron un total de 80 trofeos nos que aparece un pé dando unha patada a un balón de fútbol. Son de cerámica e están esmaltados con pigmento azul cobalto. Os soportes de madeira foron elaborados polo carpinteiro do Concello. Os usuarios do CODI participaron en todo o proceso: deseño, modelado con plantillas, pintado, pegado e lixado.
O presidente do Cordeiro C.F., José Ramón Seco, desprazouse esta mañá ao CODI a recoller os trofeos, agradecendo tanto aos usuarios e ao persoal a súa colaboración, ao igual que ao Concello e todas as empresas patrocinadoras.