- Cun investimento de 500.000 euros, instalouse mobiliario e un parque infantil e levouse a cabo unha revexetación da zona
- As obras continuarán proximamente con outra inxección económica de 600.000 euros dos fondos europeos Next Generation
Valga, 23 de maio de 2023.
Dous quilómetros de sendas para peóns e ciclos bordean parte da lagoa Porto Piñeiro tralo remate da primeira fase das obras de rexeneración e posta en valor que o Concello proxectou nesta antiga mina de extracción de arxila, situada entre os lugares de A Torre (Campaña), Carballiño (Xanza) e O Forno (Cordeiro).
Na zona sur da lagoa investíronse máis de 500.000 euros que permitiron habilitar 700 metros de carrís para a circulación para vehículos ciclables e 1.160 de sendas para peóns. Os primeiros teñen solo de formigón desactivado e, a ambas marxes, senllas tiras de pedras fotoluminiscentes que, pola noite, emiten luz e permiten que os usuarios poidan percibir os bordos para circular con seguridade. O sendeiro peonil ten pavimento de xabre e, nalgúns tramos, discorre en paralelo da vía ciclable, mentres que noutros se bifurcan.
Instalouse tamén mobiliario urbano (papeleiras e bancos) nas zonas destinadas ao descanso. Outro dos elementos centrais da obra foi a creación dun parque infantil con equipamento e xogos de madeira destinados a nenos de 6 a 12 anos de idade.
No que respecta á restauración ambiental desta contorna, aplicáronse tratamentos silvícolas e realizáronse limpezas e rozas selectivas, habilitando novas zonas verdes destinadas ao ocio e ao esparexemento e levando a cabo unha revexetación con bidueiros, acivros, árbores froiteiras e outras especies autóctonas.
Trala execución desta fase inicial, as obras en Porto Piñeiro continuarán proximamente cunha nova inxección económica de 600.000 euros dos fondos europeos Next Generation, xestionados polo Concello a través do xeodestino turístico Mar de Santiago.
En total, o proxecto de rexeneración está valorado en máis de 14 millóns de euros, con actuacións coma o acondicionamento dunha zona de baño ao aire libre cunha praia artificial e unha piscina; unha área de usos recreativos e de ocio, con xogos de area e auga, unha zona deportiva e equipamento ciclista. Tamén está prevista unha cávea natural no bordo da lagoa cun escenario flotante, e unha zona de aloxamento con cabanas tanto en terra coma sobre a lámina de auga.