- O auto afirma que o informe do Consello de Contas sobre as dietas do secretario e o interventor “non ten valor de alterar a decisión” de arquivar a causa “nin revela indicios” de delito
- “Os organismos que teñen capacidade resolutiva sempre dan a razón ao goberno municipal”, destaca o alcalde
Valga, 20 de maio de 2023.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis acaba de desestimar por segunda vez a denuncia presentada polo concelleiro das Mareas, Manuel Castiñeiras, por suposta prevaricación administrativa na contratación e pago de dietas ao secretario e ao interventor municipais. “Os órganos xudiciais fallan de novo a favor do Concello, e xa van unhas cantas veces”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro, que insiste en que “esta nova sentenza vén a confirmar o que o goberno municipal mantivo desde o primeiro momento e os organismos que teñen capacidade resolutiva estannos a dar continuamente a razón”.
É a segunda vez que o xulgado arquiva estas actuacións. O fallo, do 16 de maio, di que “estudados os argumentos expostos” no recurso presentado polo concelleiro das Mareas, “non se aprecian datos ou elementos que permitan soster un pronunciamento distinto ao xa fundamentado” anteriormente. Entre a documentación que incluía o recurso de Manuel Castiñeiras estaba o informe do Consello de Contas, ao que tamén fai referencia o xuíz no seu fallo: “O informe do Consello de Contas non ten o valor de alterar a decisión tomada nin revela indicios” de delito.
Neste sentido, o alcalde reitera que “o Consello de Contas é un organismo que tan só aconsella. Os que teñen capacidade resolutiva son os xulgados e o Tribunal de Cuentas”, e lembra que este último tamén se pronunciou xa a favor do Concello, nun auto no que concluía que “non hai lugar á incoación do proceso xudicial contable por resultar de modo manifesto e inequívoco a inexistencia de suposto algún de responsabilidade”. Engadía, ademais, que “os pagos en concepto de dietas abonados ao secretario e ao interventor teñen cobertura legal e non supuxeron vulneración algunha da normativa orzamentaria aplicable”.
O Tribunal de Cuentas, en Madrid, é órgano fiscalizador supremo das contas e da xestión económica do sector público “e di claramente que os pagos son legais”, conclúe o alcalde, que engade que “por moitas denuncias que presente non nos van frear no noso propósito de seguir traballando por Valga e por mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.