- Tamén está prevista a renovación das portas interiores do local
- O alcalde, José María Bello Maneiro, supervisou o traballo realizado polos aprendices de carpintería
Valga, 18 de maio de 2023.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI continúa desenvolvendo o seu programa formativo e, en concreto, as obras de interese público recollidas dentro do proxecto no concello de Valga. Os aprendices de carpintería atópanse estes días traballando nas dependencias do Centro Sociocultural de Setecoros, onde están a renovar o falso teito do inmoble e outros elementos da carpintería interior
Dirixidos polo experto docente José Oliveira, os alumnos retiraron o vello falso teito de madeira, que estaba afectado polo caruncho, e a continuación reconstruíron a estrutura que suxeita o teito con listóns de madeira, tanto novos, como tratando de aproveitar os vellos que aínda servían. O seguinte paso foi a colocación das láminas de madeira de abeto vernizadas e tratadas con produto anticarcoma.
Os traballos, que foron supervisados polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, continúan agora coa colocación dos remates e elementos embelecedores e a apertura dos ocos para a iluminación.
Neste mesmo local, está tamén previsto que os aprendices instalen novas portas de madeira. Ademais, nas vindeiras semanas realizarán outras obras en Valga, coma a mellora do peche perimetral no auditorio ao aire libre da praia fluvial de Vilarello ou a construción de pérgolas no Muíño de Vento de Beiro.
O CENTRO SOCIAL DE SETECOROS CONTA CON NOVO TEITO DE MADEIRA INSTALADO POLO ALUMNADO DO OBRADOIRO DE EMPREGO