Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Fixeron prácticas de poda en altura e asistiron a demostracións de poda e extracción de resina

- A actividade é complementaria ás clases teóricas e traballos prácticos que están a realizar os aprendices

FeiraAgroforestal1

Valga, 13 de maio de 2023.
O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI continúa desenvolvendo actividades que lles permitan coñecer as especialidades para as que se están formando, carpintería e traballos forestais, e adquirir as competencias necesarias para acadar o certificado de profesionalidade que lles abra novas portas no mercado laboral.

Con este obxectivo, os aprendices de forestais realizaron na xornada de onte unha visita formativa á Feira Agroforestal que se está a celebrar no Pazo de Goiáns, en Boiro. A feira conta con exposición de maquinaria, un simulador forestal, postos informativos sobre talleres de emprego e ciclos formativos no ámbito forestal e outras actividades e obradoiros cos que descubrir este sector.

Acompañados pola directora do Obradoiro, Mari Carmen Vidal, a titora, María Carballa, e o experto docente da especialidade, Pablo Porta, os alumnos empregaron o simulador forestal, fixeron prácticas con arneses de poda en altura e asistiron a demostracións de corta, poda e extracción de resina. Realizaron, ademais, un percorrido polo Pazo de Goiáns e a súa contorna.

Esta actividade complementa as clases teóricas e as prácticas que están a realizar os aprendices no marco do Obradoiro Ulla-Umia VI, unha iniciativa dos concellos de Valga e Moraña para mellorar a empregabilidade de 20 persoas desempregadas de ambas localidades.

FeiraAgroforestal2 FeiraAgroforestal3

FeiraAgroforestal4

Volver