- Os ladróns levaron dúas mesas de madeiras con bancos e dous comedeiros feitos artesanalmente
- Tamén se botaron en falta unha decena de patos e ocas da comunidade avícola establecida neste espazo natural
Valga, 10 de maio de 2023.
O Concello de Valga presentou nos últimos días no cuartel da Garda Civil varias denuncias polos continuos roubos que se están a producir na Mina Mercedes, tanto de mobiliario urbano coma de animais que estaban alí establecidos.
En concreto, as últimas subtraccións detectadas foron as de dúas mesas de madeiras da área recreativa, que tiñan incorporados bancos do mesmo material. Así mesmo, os ladróns levaron dous comedeiros realizados artesanalmente con medeira e que estaban destinados ao seu uso por parte da comunidade de aves existente neste espazo natural. Estes elementos estaban situados na beira da lagoa.
Por último, tamén se botaron en falta unha decena de aves, entre patos e ocas, que conformaban este hábitat.
O goberno local, a través do alcalde, José María Bello Maneiro, lamenta que se estean a producir estes furtos e pide á cidadanía que actúe con respecto polos bens públicos. Ademais, fai un chamamento aos veciños da zona para que, en caso de que detectaran movementos estraños nas inmediacións da Mina Mercedes, colaboren coas autoridades policiais para lograr identificar aos ladróns.